Arquivos da etiqueta: Conga

Apoiamos á compañeira peruana Máxima Acuña na súa loita en defensa do territorio

CONTRAMINACCIÓN APOIA Á COMPAÑEIRA PERUANA MÁXIMA ACUÑA NA SÚA LOITA NA DEFENSA DO TERRITORIO

En Perú, un xuíz vén de sentenciar a Máxima Acuña a ser despexada, a 2 anos e 8 meses de cadea suspendida, e a pagar 5.500 soles á mineira Yanacocha, por suposta usurpación de terras. Firma a petición para impedir o despexo, e para que cese o acoso e a violencia contra Máxima por defender a terra e as lagoas de Conga.

A mineira Yanacocha, a máis grande de América do Sur, impón o seu proxecto Conga por riba dos dereitos da xente do pobo, como Máxima Acuña, de Chaupe, muller peruana cajamarquina, que vive coa súa familia en terras cobizadas pola mineira.

Máxima precisa a nosa axuda

Máxima precisa a nosa axuda

Nos últimos 10 anos, Máxima Chaupe e a súa familia negáronse a vender as súas terras. Por ese motivo foron agredidos brutalmente en máis dunha ocasión por persoal da mineira, que irrompeu na súa propiedade e destruíu a súa casa a pe da lagoa Azul. Máxima foi golpeada, arrastrada, a súa terra invadida, mataron os seus cans e as súas ovellas. A familia Chaupe Acuña quedou na intemperie da Jalca. A súa choza foi reconstruída grazas á solidariedade de familia e amizades. Despois recibiron a denuncia da mineira, e agora a condena.

Por se fose pouco, despois de emitida a sentenza condenatoria, o 8 de agosto de 2014 a Mineira Yanacocha interpuxo novas denuncias penais contra a familia Chaupe na fiscalía de Celendín, por usurpación do mesmo predio Tragadero Grande. A pesar de que as leis peruanas impiden que unha persoa sexa investigada ou sentenciada pola mesma causa, o Ministerio Público de Celendín admitiu a trámite estas denuncias, aínda sabendo que existe xa unha primeira sentenza sobre este tema.

Por favor, non deixes de firmar canto antes a carta. A carta coa túa firma e todas as demais será entregada proximamente ás autoridades peruanas pola Rede Latinoamericana de Mulleres, e a Coordinadora de Mulleres pola Auga, a Vida e a Paz.

Desde ContraMINAcción queremos mostrar o noso apoio solidario a Máxima, compañeira, desde o outro lado do océano, na nosa loita pola defensa do territorio.

Agradecemos a vosa colaboración, asinando a petición que neste momento o colectivo Salva la Selva ten en marcha aquí.