Arquivos da etiqueta: Cosmos

A sentenza xudicial di que a licenza concedida polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos debe ser revogada.

  • A Asociación Sociocultural O Iribio solicitara a súa anulación.

  • A sentenza recoñece que a licenza concedida a Cementos Cosmos non é válida.

  • A rede ContraMINAcción amosa a súa satisfacción, pero pide que se cumpra a lei e que se respecte o medio ambiente, os bens culturais e as persoas.

A sentenza confirma que “la licencia impugnada está viciada de nulidad radical y debe ser revocada”. Os motivos son varios e a sentenza exponos con claridade.

O concello de Triacastela concedeu unha licenza mineira a Cementos Cosmos e segundo a sentenza todo apunta a que intentou pasar por riba da lei.

A canteira Don Isidro 6043, explotada por Cementos Cosmos, está situada no lugar de Monte Penedo, parroquia de Vilavella, Concello de Triacastela, en Lugo. Alí extraen caliza mediante a técnica extractiva de banqueo descendente e arranque con perforación e voadura (explosión).

A demanda expón motivos legais contundentes polos cales o permiso concedido polo concello de Triacastela non es válido e debe anularse.

A canteira de Cosmos está poñendo en grave perigo a Cova de Eirós

Os principais motivos son:

-A ausencia dunha declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto. Cementos Cosmos presentou un proxecto mineiro anacrónico -concretamente do ano 1978-. O seu único plan de restauración referíase á antiga explotación mineira.

-A falta dos permisos preceptivos por parte da Xunta de Galicia. Isto é debido a que o solo afectado polo proxecto mineiro de Cosmos es maioritariamente “rústico de especial protección agropecuaria e de interese patrimonial, histórico ou artístico no ámbito territorial”.

Ademais, incumpriuse o procedemento legal, omitindo trámites como a publicación obrigatoria en canles oficiais.

Outros motivos para a revogación dos permisos ao proxecto mineiro son a desprotección dos bens de valor cultural existentes no lugar, entre os que cabe salientar a Cova de Eirós, onde se atoparon gravados rupestres de tal importancia que foi cualificada como a “Atapuerca galega”, ademais de outros vestixios do Paleolítico.

Para a subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, a área entra dentro da “categoría de especial protección do patrimonio”. A área de protección a preservar arredor da cova é moito maior que a que se pretendía dar: 200 m fronte 50 m.

Outra tanta preocupación esperta a dificultade para o uso de camiños públicos que Cosmos, nunha práctica habitual en empresas mineiras, utilizan e pechan ao paso veciñal, como se fosen seus.

A todas estas razóns para rexeitar o proxecto mineiro, súmase o feito de que a mineira non notificou convenientemente aos propietarios dos terreos afectados polo seu proxecto.

As 20 organizacións que facemos parte de ContraMINAcción e que vimos dando seguimento desde 2013 ao desempeño administrativo das autoridades en torno aos proxectos mineiros, estamos de acordo en valorar unha vez máis que as autoridades obvian sistematicamente cuestións sociais, ambientais e culturais relevantes e que forman parte fundamental da vida das comunidades rurais, outorgando unha protección desmesurada ás empresas e deixando a cidadanía exposta a todo tipo de atropelos e abusos”.

Pola súa parte, a propia sentenza remarca como a empresa mineira Cosmos apela ás institucións e as leis para o que lle convén, e descualifícaas ou minimízaas no momento en que lle impiden ou significan o control da súa actividade. Neste sentido, unha das cuestións máis salientables recollidas na sentenza é que, máis aló da actitude da empresa, que defende os seus intereses comerciais, as principais irregularidades son cometidas polas institucións públicas autonómicas, ao non cumprir coas exixencias que deben facerse a este tipo de proxectos.

Basicamente, non consideran a clasificación real do solo onde está situada a mina, e os informes que achegaron ao proceso non eran os que se lles requirían. Pola contra, queda de manifesto que tenden a súa alfombra vermella á empresa para que poida continuar ao seu antollo coa actividade extractiva, tal como viña facendo en décadas pasadas, sen exixirlle o cumprimento estrito da lei nin o respecto ao medio ambiente e as persoas.

Desde ContraMINAcción celebramos esta sentenza, que supón un éxito na nosa loita pola defensa do territorio, e unha recarga de forzas para continuar nela.

Save

Nós tamén somos Marcos. Nin nos van calar, nin nos van parar.

¿Silenciando nos xulgados os defensores da terra?

O vindeiro 7 de maio terá lugar no xulgado número 13 de Vigo a vista oral da demanda iniciada por Cementos Cosmos contra o veciño de Triacastela Marcos Celeiro, por suposto atentado contra o honor da empresa. Marcos Celeiro oponse xunto á veciñanza de Triacastela á mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.

O xoves que vén non se xulga a Marcos Celeiro. Xúlgase, sobre todo, o dereito das persoas e das comunidades a se mobilizaren para defender o que é seu: a súa terra, o seu patrimonio natural, o seu futuro. Xúlgase o noso dereito, o de toda a cidadanía, a denunciar en voz alta e publicamente as irregularidades que as empresas cometen no seu afán desmedido de explotación dos recursos e das persoas. Xúlganse, en fin, as máis básicas liberdades democráticas, esas que a nosa administración ten a obriga de garantir. E non de perseguir. Porque o exercicio da liberdade de expresión é un dereito, non un delito.

Nin nos van calar, nin nos van parar

Nin nos van calar, nin nos van parar

Os motivos que Cementos Cosmos, pertencente á multinacional Votorantim, esgrime para a demanda, son o de ter denunciado Marcos nas redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) as irregularidades cometidas pola empresa. Esas irregularidades veñen sendo recollidas ao longo do tempo por distintos medios de comunicación. Nalgúns casos, a denuncia da irregularidade ía acompañada de vídeos nos que se podía comprobar a veracidade dos feitos denunciados.

Desde ContraMINAcción pensamos que o obxectivo desta demanda de Cosmos contra o noso compañeiro Marcos non é outro que amedrentar ás persoas que se opoñen á súa actividade, ao tempo que criminalizar a loita dos colectivos que denunciamos as súas irregularidades.

Cementos Cosmos ten un longo historial de denuncias desde distintos colectivos, polas súas malas prácticas na explotación. Entre outras cousas, está a poñer en risco o noso patrimonio arqueolóxico coa súa actividade, diante da pasividade da nosa administración. Somos moitos os colectivos que denunciamos a afección que, a causa da actividade da empresa, está a sufrir unha das maiores xoias do noso patrimonio cultural, a Cova de Eirós. Mentres as nosas denuncias caen en saco roto, a demanda inxustificada da empresa contra o noso compañeiro continúa o seu curso.

ContraMINAcción denuncia que desde a empresa e con esta demanda, quere reducirse a loita de distintos colectivos a unha cuestión persoal e anecdótica, a un suposto capricho de Marcos Celeiro en contra da empresa. Así, ao tempo que se criminaliza a nosa loita cidadá e se trata de paralizar a mesma mediante a busca dun castigo exemplarizante e a todas luces inxustificado contra unha das cabezas visibles da mesma, preténdese minimizar a oposición veciñal, tratando de facer ver á opinión pública que só se trata dunha arroutada persoal aquilo que é en realidade unha loita colectiva dunha comunidade polo seu territorio.

En lugar de levar a un xuízo longo e desgastante a un cidadán de a pe como Marcos Celeiro, Cementos Cosmos debería presentar publicamente toda a documentación que aínda non facilitou, comprobar que ten ao día todos os seus permisos, e vixiar que a súa explotación cumpra toda a normativa vixente.

Porque non queremos renunciar aos nosos dereitos civís, porque non queremos que nos rouben a nosa voz a base de demandas dos poderosos, desde ContraMINAcción queremos berrar forte e alto que hoxe e aquí nós tamén somos Marcos Celeiro.

Somos Marcos, e o vindeiro xoves estaremos con el diante do xulgado de Vigo, desde as 9 e media ata as 11, nunha concentración pacífica de apoio ao noso compañeiro, na que vos animamos a participar.

Non nos resignamos a que a lei sexa a lei do máis forte

Nin nos van calar, nin nos van parar.

 

Alegacións ao intento de legalización da mina a ceo aberto de Triacastela

Triacastela

Triacastela

A rede de colectivos contra minaría destructiva ContraMINAcción presentou alegacións no trámite administrativo iniciado no Concello de Triacastela para tentar legalizar a mina a ceo aberto que Cementos Cosmos S.A. veu explotando de forma ilegal durante as últimas catro décadas e que neste momento se encontra paralizada por non contar con licenza municipal, sendo esta só unha das innúmeras ilegalidades e irregularidades desta canteira de pedra caliza para a fabricación de cemento.

Este trámite consiste nunha nova solicitude de licenza municipal ao abeiro da disposición transitoria 12ª  da Lei do Solo feita no seu día para legalizar as canteiras ilegais, ademáis dunha tentativa de saltar a avaliación ambiental dos impactos en virtude a outra disposición adicional do decreto 133/2008, o cal que xa non está actualmente en vigor.

Todo este procedemento é escandaloso, pois ademáis das trapalladas e da búsqueda de fisuras na lexislación para legalizar unha auténtica barbaridade, desde un punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nen sequera garda as formas, con omisión de documentación, falsidade na que se presenta, e tantas irregularidades que a simple admisión a trámite demostran o servilismo e colaboracionismo da administración cas mafias mineiras e a súa total falta de respeito aos veciños directamente afectados e aos direitos da cidadanía en xeral, ao medio ambiente, ao patrimonio, e como non, á legalidade. Para ilustrar a situación, é un trámite de avaliación ambiental onde nen sequera o solicitante presenta un estudo de impacto ambiental, e onde nen sequera existe o documento do proxecto mineiro para o que se solicita a licenza urbanística.

Ademáis das irregularidades na forma, o fondo ainda é máis vergoñoso, pois preténdese conceder licenza urbanística de forma automática e sen ningunha avaliación ambiental para unha concesión mineira en recursos C) de 11 cuadrículas mineiras que poderían borrar do mapa varias aldeas, incluíndo ducias de vivendas na súa demarcación e dando direitos de expropiación forzosa sobre elas e centos de hectáreas de territorio, principalmente terras agrícolas de primeira calidade, deixando sen viabilidade case un cento de explotacións agrícolas familiares se isto se autoriza. Por se fora pouco, destruiría fisicamente un río e toda a súa bacía fluvial de prados de regadío. Resulta alarmante que Cementos Cosmos xa conte unha concesión de auga e outra de verquidos sobre ese río, feito descoñecido polos veciños da zona antes de se ter iniciado este expediente. A cousa ainda non fica ahí, pois tamén destrue fisicamente 6 camiños que forman parte do dominio público obrigando aos seus usuarios da dar un rodeo de 12 Km para comunicarse con lugares a menos de 2 Km, creando un buraco de quilómetros facendo de barreira insalvábel no territorio.

A concesión mineira tamén afecta a Rede Natura, encontrándose no LIC Ancares-Courel, pero isto tentan salvalo definindo un perímetro mineiro que se retira da súa delimitación. Ainda así, na área onde se solicita legalizar definitivamente esta canteira, hai hábitats prioritarios e várias ducias de especies de flora e fauna protexidas, feito que Cementos Cosmos oculta, e frente ao cal a administración olla para outro lado. O dano medioambiental é terrorífico, e o que pretenden é que non se avalíe.

Por se fora pouco, no referente ao patrimonio, esta canteira sitúase fisicamente sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, onde ademais de seren achados nela  importantes restos paleontolóxicos e arqueolóxicos se encontram as primeiras pinturas rupestres galegas, estando encontradas até o momento un total de 94, ainda que non se descartan novos descubrimentos. Ademáis da Cova de Eirós, na área están outras 3 covas que ainda non foran estudadas e que serían totalmente destruídas. Todos estes feitos son ocultados, tanto por parte do socilitante, Cementos Cosmos, como por parte dos informes técnicos do Concello de Triacastela, como por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. O único patrimonio que se cita é o Camiño de Santiago, ao pé do cal se encontra esta mina a ceo aberto, de desde o cal xa agora crea un impacto paisaxístico brutal durante quilómetros. A falta de escrúpulos é tal, que a empresa recoñece que o impacto sobre o Camiño de Santiago é tan negativo e de tal magnitude que non se pode evitar, polo que propón como medida correctora «potenciar a visión da canteira» e facer un mirador sobre ela cun panel informativo louvando os beneficios da minaría.

Desde ContraMINAcción consideramos que non podemos deixar que destrúan a nosa terra, a nosa economía sustentábel e o noso patrimonio deste xeito, e que por riba cando mexan por nós teñamos que dicir que chove. Consecuentemente, se este procedemento de legalización no Concello de Triacastela non se anula inmediatamente, iniciaremos todas as accións xurídicas que consideremos oportunas.

Galiza non é unha mina! A loita continúa!

Pincha para acceder ao documento das alegacións

Denunciamos a Cementos Cosmos por operar sen licenza

triacastela_cosmos A rede de colectivos contra a minaría destrutiva ContraMINAcción ven de denunciar á empresa Cementos Cosmos por ter reiniciado actividades na mina a ceo aberto en Vilavella (Triacastela) no pasado sábado saltando a orde de paralización de actividades por carecer de licenza urbanística que existe desde setembro do ano pasado.

Ademais da ausencia de licenza municipal, a propia empresa solicitou no departamento de minas da Consellaría de Economína e Industria a paralización temporal das suas actividades durante seis meses, portanto está a violar tanto a legalidade urbanística como a legalidade da lexislación mineira.

Esta denuncia xa non é a primeira, e en breve dita plataforma iniciará novas accións legais ante o gran número de ilegalidades que esta empresa ten na sua canteira en Triacastela e a pasividade e complicidade da propia administración.

Este vídeo, gravado hai uns días, proba a veracidade da nosa denuncia:

)