Arquivos da etiqueta: dereitos humanos

ContraMINAcción solidarízase con Haydée Castillo, detida en Nicaragua o 14 de outubro

A defensora de dereitos humanos e activista nicaragüense Haydée Castillo conta con medidas cautelares otorgadas pola Comisión Interamericana de Derechos Humanos (CIDH) polos riscos que corre no exercicio de denuncia da crise de dereitos humanos en Nicaragua. “Nada do que facemos contravén a lei. As mobilizacións, as críticas ao Goberno, demandar a liberdade dos presos políticos, todo é legal , pero sabemos que estamos nun réxime que rompeu co marco legal”, di Castillo.

A pesar diso, foi detida no aeroporto cando se propoñía viaxar o estranxeiro. Antes de deixala novamente en liberdade unha fiscal dixo a Castillo que non podía saír do país porque a organización que dirixe —o Instituto de Liderazgo de las Segovias— estaba sendo investigada por instrución do Ministerio de Gobernación baixo a Ley antilavado e terrorismo.

En ContraMINAcción tivemos ocasión de coñecer o seu traballo de primeira man cando visitou Galiza o pasado ano. Dende a sua posición, oponse e denuncia proxectos de minaría industrial no seu país. Os abusos das empresas mineiras afectan a vida de moitas familias e comunidades, ademais de ter un alto custo material e emocional. As arbitrariedades empobrecen a poboación, aumentan a migración -dato de relevancia no contexto actual- e incrementan a inseguridade e o medo das mulleres. Solidarizámonos con Haydée Castillo e as súas compañeiras e compañeiros afectados pola grave represión que están a confrontar e esiximos un ambiente de liberdade, máximo respecto e integridade para todos eles.

Actualmente, o seu país Nicaragua e vítima dun modelo de “desenvolvemento” que privilexia a acumulación de capital en poucas mans, desembocando en inxustizas profundas, un modelo que levou a unha espiral de revoltas cidadás dende abril de 2018. Dende entón, a poboación segue defendendo con maior intensidade os dereitos humanos e a vida, e esixindo que o estado garanta os dereitos fundamentais.

O goberno leva a cabo una brutal represión e masacre, con máis de 500 presos políticos, de moitos dos cales non se ten noticias. Ademais houbo asasinatos (entre 322 e 512) e invasións de moradas.

Moitas activistas e defensoras de dereitos humanos foron detidas -Como Haydée- co falso pretexto de ser terroristas. Outras encóntranse exiliadas.

A lista de actos represivos é enorme, sen embargo non perden a esperanza e sobre todo a solidariedade, que facemos chegar pola nosa parte dende Galiza . As compañeiras nicaraguanas desexan seguir organizándose e construíndo pontes. Non perden a confianza de que o réxime caerá. Nós tampouco.

Solidarizámonos coas mulleres peruanas atacadas pola policía en presenza do persoal da mineira multinacional Glencore

Pretenden desaloxalas. Así son na actualidade os métodos de achegamento ás comunidades dunha das multinacionais mineiras ás que estivo vencellado o directivo do proxecto Touro: o caso de Glencore Antapaccay no Perú preocúpanos hoxe especialmente e solidarizámonos coas mulleres agredidas pola policía peruana no contexto de operacións da mineira.

Segundo xornalistas e organismos de dereitos humanos de Perú, o martes 3 de abril, un continxente policial presentouse na comunidade campesiña de Alto Huarca en Espinar, Cusco. Viñan acompañados de oito empregados da mineira Glencore Antapaccay e de maquinaria pesada.

Sigue lendo