Arquivos da etiqueta: encontro

Crónica do Encontro sobre os impactos da minaría en Galiza

Colectivos e organizacións sociais sentan as bases para crear un movemento de oposición á minaría salvaxe na Galiza

As diversas organizacións e colectivos que participaron no primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrou o sabado 16 de febreiro en Teo, remataron a xornada co compromiso de crear unha rede de traballo de cara a constituír un movemento global de oposición á minaría salvaxe na Galiza.

Imaxe do encontro sobre o impacto da minaría en Galiza (Teo, 16/02/2013)Antes de acadar este compromiso, abordouse a problemática dos impactos da minaría dende diversos puntos de vista: xurídico, ecoloxista, xeolóxico, técnico, económico e agrario. A encargada de abrir a xornada foi a profesora da Universidade de Santiago, Alba Nogueira, que centrou a súa intervención en explicar as leis que avalan as explotacións mineiras en Galiza e o xeito de utilizar a lexislación para recorrer as concesións e licencias. Alba Nogueira afirmou a necesidade de forzar á Xunta a utilizar todas as ferramentas legais das que dispón —informes de impacto ambiental ou declaracións de proxecto industrial estratéxico— para impedir proxectos mineiros que poñan en perigo o medio ambiente, o territorio ou o tecido socio-económico dos eidos onde se desenvolven.

A seguinte mesa de relatores centrou a súa intervención no impacto da minaría no medio ambiente. O biólogo Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, achegou cifras interesantes que demostran que se está arrasando o noso país con explotacións mineiras a ceo aberto pola permisividade política que existe cara a este tipo de actividades extractivas. Non en van, en Galiza extráese o 50% da lousa para tellados do mundo. O presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía, Xoán Ramón Vidal Romaní, recordou que a lousa tamén se extrae en países veciños, como Francia, onde non se fai a ceo aberto como na Galiza, senón a través de minaría subterránea, con moito menos impacto no entorno. Por iso, Vidal Romaní preguntouse se realmente é necesario que produzamos a metade da lousa mundial a costa da devastación que isto supón.

Para xustificar esta sobreexplotación de efectos ecolóxicos e paisaxísticos irreversibles, Serafín González explicou que a Cámara Mineira de Galicia e a Xunta ampáranse en datos contraditorios sobre a xeración de emprego e riqueza: mentres que a primeira afirma que a minaría na Galiza mantén 10.000 postos de traballo, a segunda cifra estes en 7.000. Ambas menten interesadamente, tal e como revelou o profesor de Economía da Universidade de Santiago, Xoán Doldán, pois os datos do Instituto Galego de Estatística ao respecto revelan que, en 2010, en Galiza había 4.549 postos de traballo relacionados coa minaría, os cales descenderon aínda máis nos últimos anos debido ao declive do sector da construción.

Doldán sinalou que a actividade mineira só rexistra os beneficios directos obtidos da súa actividade, pero na súa contabilidade non computan os custes sociais e ambientais nin a curto nin a longo prazo, gastos que sempre acaba pagando o erario público e sufrindo as persoas que viven no radio de influencia das minas. Tampouco computan as subvencións públicas millonarias que levan estas empresas, algo ao que se opuxo rotundamente Xoán Ramón Vidal Romaní, que afirmou que “deben ser as empresas mineiras as que xeren riqueza para Galiza coa súa actividade, e non Galiza a que xere riqueza para estas empresas”.

Imaxe do encontro sobre o impacto da minaría en Galiza (Teo, 16/02/2013)O proxecto mineiro para extraer ouro en Corcoesto ocupou un bo anaco da atención dos participantes. Mentres que Serafín González achegou datos sobre a contaminación que xeraría, o enxeñeiro de minas Emilio Menéndez advertiu que se trata dunha explotación a moi curto prazo e puramente especulativa, pois só é rendible neste intre polo pico acadado polo prezo do ouro. Neste senso, Menéndez lembrou que mentres que o ouro se cotiza agora a 1.690 $ a onza, en 2000 o seu prezo era de 250 $. Cando a crise económica comece a remitir, o prezo do ouro baixará e deixará de ser rendible a extracción en Corcoesto, polo que a súa permanencia de seguro que será inferior aos dez anos que promete a empresa explotadora, Edgewater Exploration. Fronte a este tipo de minería especulativa e a curto prazo que extrae minerais e metais innecesarios; Menéndez avogou por unha minaría sostible no tempo, respectuosa co entorno, xeradora de riqueza a longo prazo e baseada na utilidade e necesidade das súas extraccións. Lonxe disto, o proxecto para Corcoesto prevé destruír o 50% do territorio da parroquia, imposibilitando a explotación forestal e agraria que se vén facendo agora nesas terras e a escasos metros de vivendas habitadas que pasarán a ser inhabitables.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, pechou as intervencións advertindo do impacto irreversible sobre os sectores agrogandeiros, e denunciou a “cultura colonial” que leva aos nosos gobernos a fomentar unha actividade económica a curto prazo e con data de caducidade que só beneficia o lucro dunha empresa privada e xera unhas ducias de empregos temporais; fronte a outra permanente, que mantén vivo o medio rural e da que depende totalmente o territorio agredido porque mantén miles de postos de traballo e supón o medio de vida de miles de familias. Vilalba concretou a conivencia do poder político coas empresas mineiras sacando a colación a Lei do Solo, do ano 2010, que autorizou as actividades extractivas en solo de especial protección agropecuaria, até entón prohibidas.

Sen dúbida, o primeiro Encontro Galego sobre o Impacto da Minaría deixou ben claro que Galiza se enfronta a unha problemática que se dá ao longo de todo o seu territorio e, dun xeito ou outro, afecta a toda a cidadanía ameazando amplos espazos e sectores socio-económicos. De aí o compromiso das organizacións e colectivos participantes de callar un movemento amplo e global que responda a esta problemática de xeito integral. Por iso, na vindeira semana seguirán producíndose encontros para concretar e facer realidade esta iniciativa.

Difundiron o encontro:

Rolda de prensa dentro do I Encontro sobre o impacto da minaría en Galiza

Para facilitarmos o labor da prensa que queira cubrir o primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría organizado por entidades sociais de diversos ámbitos (ecoloxistas, agrarias, colectivos de oposición ás minas…) este sábado 16 de febreiro en Teo, permitirase o acceso de medios gráficos ao longo da mañá, e ofrecerase unha rolda de prensa ás 12:00 horas.

Nesta comparecencia ante os medios de comunicación será no mesmo lugar de celebración do encontro, no Hotel Congreso (Teo), e nela participarán os relatores e as relatoras da xornada para achegar distintos enfoques sobre os problemas xerados pola minaría na Galiza e as accións que empredermos para unificar unha postura de oposición a esta ameaza no noso País.

Intervirán:

  • Alba Nogueira (USC)
  • Serafín González (SGHN)
  • Xoán Ramón Vidal-Romaní (IUX)
  • Emilio Menéndez Pérez (Enxeñeiro de Minas)
  • Xoán Ramón Doldán (USC)
  • Isabel Vilalba Seivane (SLG)

O I Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría tamén poderá ser seguido en Twitter a través do hashtag #encontroMineria

Programa do I «Encontro galego sobre o impacto da minaría»

Organizado por diversos colectivos ecoloxistas, agrarios e de oposición ás minas terá lugar o sábado 16 de febreiro o primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría.

O obxectivo desta xornada é compartir distintas visións ao redor dunha problemática que está a medrar de xeito exponencial na Galiza nos últimos anos: a concesión de licencias para a explotación mineira de terras, prevalecendo os intereses empresariais duns poucos, a costa dun impacto irreparable nos usos de eidos (forestais, agrícolas, sociais, medioambientais, infraestruturas…) que afecta a miles de persoas. De Bergantiños á Limia, da Terra Chá ao Xallas, a ameaza das minas afecta cada vez a máis bisbarras galegas, polo que urxe unha resposta unitaria e coherente para facerlle fronte que se tentará definir neste encontro.

Programa

  • 09:00 – 10:00h: “A compatibilidade ou prevalencia de usos e os dereitos mineiros”
    Alba Nogueira. USC.
  • 10:00 – 11:45h: “O Impacto da minaría no medioambiente”
    Serafín González. Sociedade Galega de Historia Natural.
    Xoán Ramón Vidal-Romaní. Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, UDC.
    Emilio Menéndez Pérez. Enxeñería de Minas.
  • 11:45 – 12:15h: Descanso de 30 minutos.
    Ás 12:00 h haberá unha rolda de prensa para os medios de comunicación que cubran o evento.
  • 12:15 – 13:30h: “O impacto da minaría no tecido socioeconómico”
    Xoán R. Doldán. USC.
    Isabel Vilalba. Sindicato Labrego Galego.
  • 13:30 – 16:00h: Xantar conxunto.
  • 16:00 – 19:00h: Dinámica de intercambio de experiencias entre colectivos.
  • 19:30 – 21:00h: Proposta de creación e xestión de rede de colectivos.

Data e lugar do encontro

16/02/2013. Hotel Congreso. Teo, Galiza.

Inscrición

Enche o noso formulario de inscrición.

Difusión

Podes descargar o cartaz da xornada sobre o impacto da minaría (PDF), e espallalo en Facebook, Twitter e outras redes sociais utilizando os botóns que atoparás nesta mesma páxina.

Grazas!

Imaxe de fondo do cartaz, CC by bychaa