-
A estratexia da UE contempla novas minas a ceo aberto na Galiza, como a de cobalto de Castriz (Santa Comba) ou as de litio das serras de Cando e do Seixo
-
Denuncian o incumprimento sistemático da lexislación ambiental da UE na mina de San Finx (Lousame) como caso paradigmático da ausencia de control da minaria
A rede ContraMINAcción xunto con 234 colectivos da Europa e do resto do mundo veñen de presentar ante a Comisión Europea unha dura Carta Aberta rexeitando a nova estratexia europea de materias primas críticas lanzada este mes. A estratexia da UE pretende achandar o camiño para unha nova vaga de minaría na Europa, procurando reducir os trámites ambientais e contrarrestar a oposición social á minaría destrutiva. Fronte isto, os grupos asinantes reafírmanse no dereito das comunidade de dicir non aos proxectos mineiros.
No documento da Comisión Europea inclúese un mapa das zonas nas que se pretende promover novos proxectos mineiros das chamadas “materias primas críticas”, destacando na Galiza os macroproxectos de minaría a ceo aberto de cobalto, niquel e cobre de Castriz, en Santa Comba, e a cadea de minas de litio e tantalio que se pretenden implantar entre a Serra de Cando e o Monte Seixo, nos concellos de Beariz, Forcarei, Cerdedo, A Lama, Covelo, Boborás, O Irixo e Avión.
Na Carta Aberta, os 234 colectivos escolleron o caso da mina de estaño e volframio de San Finx (en Lousame) como exemplo ilustrativo da falta de control da Comisión Europea sobre os incumprimentos sistemáticos da lexislación da UE por parte das mineiras e dos Estados membros, o que deixa en evidencia os graves problemas ambientais que acarretará a nova estratexia, especialmente cando pretende reducir tempos de tramitación coartando a participación pública e o exame adecuado dos impactos ambientais.
Frente a fuxida cara adiante da Comisión e o lobby mineiro, ContraMINAcción e os colectivos asinantes chaman a facer da reducción absoluta de recursos unha prioridade, reducindo a pegada material e poñendo fin á explotación de terceiros países, en particular do Sur, e das propostas de avanzar coa minaría dos fondos mariños, da que tampouco escaparían as costas galegas.
Os colectivos de ContraMINAcción fan fincapé en como os novos proxectos na Galiza que aparecen no documento da Comisión evidencian a vulneración sistemática da lexislación ambiental da UE. No caso das minas de litio do Cando e Seixo, a Xunta e a operadora pretenden a súa aprobación sen o necesario trámite de avaliación ambiental a pesar dos riscos asociados á radioactividade e contaminación por metais pesados, mentres que nos casos de Santa Comba e San Finx, nos que a Xunta xa aprobou proxectos prescindindo do trámite ambiental, isto levou non só a unha contaminación continuada, se non tamén a varios procedementos penais actualmente en curso contra os funcionarios e autoridades actuantes