- Membros de ContraMINAcción e de colectivos ambientalistas suecos participaron nas reunións para accionistas celebradas esta semana
- EuroBattery Minerals mente ao accionariado sobre o proxecto mineiro en Santa Comba, indicando que conta con licenzas para comezar a mina de inmediato
- A mineira sueca realizou sondeos a grande profundidade sen autorización ningunha, ante a pasividade da Dirección Xeral de Enerxía e Minas
Varios membros de ContraMINAcción xunto con ecoloxistas de Suecia participaron esta semana na reunión para potenciais accionistas que organizou a empresa mineira sueca EuroBattery Minerals, intervindo en varias ocasións para alertar de que o proxecto “Corcel” que pretende desenvolver en Santa Comba non ten ningún tipo de autorización e que conta co rechazo frontal da poboación local.
Cando membros de ContraMINAcción explicaron durante a reunión que en realidade o proxecto non tiña ningún tipo de autorización, o directivo Roberto García Martínez afirmou ante os potenciais accionistas que Corcel Minerals “ten unha concesión de explotación (‘full mining license’) que nos permite facer todo o que queiramos, incluíndo comezar a explotación da mina mañá mesmo, porque cumprimos con toda a lexislación española”.
Ante as preguntas das ecoloxistas, e sensiblemente contrariado, o directivo da empresa sueca afirmou que tiña falado a semana pasada con responsábeis da Dirección Xeral de Minas (agora chamada “de Recursos Naturais”) e que estes estaban ao tanto de todo, xustificando que sería inimaxinable que a Xunta fose facer a vista gorda mentres a empresa anunciaba públicamente a realización de sondeos, algo que, en todo caso, non sorprende a ContraMINAcción.
“Autorización para explotación inmediata”
Negando as evidencias e a última resolución da Xunta de xuño de 2020 na que se pecha a porta á segregación, o directivo de EuroBattery Minerals insistiu que a empresa conta cunha concesión de explotación duns 10 km2 vixente ata o ano 2068 coa que poderían comezar de inmediato a explotación mineira a ceu aberto de níquel, cobre e cobalto.
Segundo o directivo, o único motivo para non comezaren a furar mañá mesmo sería que queren coñecer mellor onde están os recursos mediante sondeos e así ampliar a zona de explotación desde a inicialmente proposta na Braña da Serra, entre as parroquias de Castriz, Boaña e Salgueiras, aos espazos naturais de Monte Maior e Monte Castelo, mais ao leste.
O carecer de calquera tipo de autorización administrativa, avaliación de impacto ambiental ou licenza urbanística non parece ser unha preocupación do directivo, que se gabou dos seus anos de experiencia en proxectos mineiros en Serra Leoa, na África.
Apesar de non ter ningún tipo de autorización, en setembro de 2019 EuroBattery Minerals anunciaba publicamente que comezaría os sondeos mineiros ese mesmo mes, e en decembro gabábase de ter completado case 1 km de sondeos en profundidade con barrenas de diamante, en ata catro puntos repartidos polo espazo natural da Braña da Serra.
Da especulación á explotación: covertir 100 euros en 2,5 millóns
A empresa sueca adquiriu por 2,5 millóns de euros en febreiro de 2019 unha pequena mercantil con sede en Oleiros, Corcel Minerals SL, da que era socio maioritario José Manuel Corbal Debén. O empresario coruñés estivera anteriormente ao cargo das polémicas minas de Varilongo e San Finx con Incremento Grupo Inversor SL, empresa hoxe disolta xudicialmente por bancarrota.
Corbal Debén conseguiu reter o control da mina de Varilongo facéndose con ela durante o concurso de acreedores a través da empresa Galica Tin & Tungsten SL, nominalmente subsidiaria de sociedades opacas establecidas en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas. Corbal Debén, a través de Ulex Recursos SL, está detrás tanto do novo proxecto de converter a vella mina de volframio e estaño de Varilongo nunha explotación a ceo aberto, como do proxecto de minaría de níquel, cobre e cobalto con EuroBattery Minerals.
Corbal Debén tentou segregar un anaco dunha das vellas concesións de Varilongo denominada “Carmen”, concedida en 1944, transferíndoa por un prezo simbólico (100 euros) de Galicia Tin & Tungsten SL á recentemente creada Corcel Minerals SL. A idea era que esta nova empresa, unha vez vendida aos inversores suecos (por 26,4 millóns de coroas, uns 2,5 millóns de euros), puidese explotar un xacemento de níquel, cobre e cobalto que se encontra baixo a inmensa Braña da Serra, nas proximidades de Castriz (Santa Comba), con continuidade nas zonas próximas de Salgueiras, Monte Maior e Monte Castelo. Para estas zonas teríanse solicitado permisos de investigación abranguendo outros 22 km2, pero que non constan nen diarios oficiais nen no Censo Catastral Mineiro.
Escasos días despois de que se consumara a venda de Corcel Minerals á sueca EuroBattery Minerals, a Xunta informou desfavorablemente a solicitude de segregación, emitíndose en maio de 2019 unha proposta de resolución denegando a creación do novo dereito mineiro. A día de hoxe a proposta virou firme cunha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que indicaba que a segregación pretendida era ilegal. A pesar destes feitos, a continuidade dos sondeos ten provocado unha intensa reacción local, oposta a calquera proxecto deste tipo.