Arquivos da etiqueta: Fallo xudicial

Nova derrota nos xulgados de Cementos Cosmos en Triacastela

O xulgado de primeira instancia de Becerreá ven de fallar contra Cementos Cosmos, a cementeira do Grupo Votorantim, na segunda das tres demandas interpostas coas que esta multinacional realiza unha campaña de acoso e derribo contra José Horacio Rio Lago, membro da ASC O Iríbio, como represalia pola sua oposición á mina a ceo aberto en Triacastela.
Aínda á espera da celebración do xuízo pola terceira delas, con esta agora xa son dúas as demandas gañadas por este veciño e activista, que ao igual que outros, está a sofrer os durísimos ataques nos tribunais deste monstro empresarial e das súas potentes equipas da avogados, con falsas acusacións e fortes ataques económicos ás súas vítimas.
O xulgado de Becerreá fallou contra Cementos Cosmos

O xulgado de Becerreá fallou contra Cementos Cosmos

Nesta demanda, Cosmos pretendía “deshauciar” a José Horacio Rio Lago de dúas fincas da súa propiedade, unha delas da súa familia desde tempos inmemoriais e outra adquirida hai dúas décadas lindando co perímetro da explotación mineira. En máis de 30 anos de mina a ceo aberto, curiosamente só agora a empresa se lembrou de «reclamar» que son da súa propiedade. Ditas parcelas son irrelevantes e innecesarias para dita mina, embora son estratéxicas para a explotación agrícola familiar do demandado, polo que se pretende facer o máximo dano desde esta empresa. Amais do acaparamento de terras para facerlle perigar o seu medio de vida e sustento, Cementos Cosmos tentaba castigar economicamente ao denunciado, pois alén do valor desas terras e dos gastos xurídicos na súa defensa, pretendía interporlle custas superiores aos 18.000€.
Non obstante, Cementos Cosmos non conseguiu demostrar a propiedade desas terras, e o demandado si. A empresa presentou documentos correspondentes a outras parcelas que tentou facer pasar por documentos correspondentes ás parcelas en litixio e todo tipo de trapalladas documentais e testificais que foran fulminantemente desmontadas. As manobras realizadas por Cosmos neste xuízo poñen en evidencia as irregularidades – e incluso falsidades documentais – no procedemento da suposta expropiación forzosa que esta empresa realizou durante o franquismo cos privilexios que o réxime concedía aos seus amigos.
Este xuízo pode transcender enormemente o simple ataque contra José Horacio Rio Lago, pois o xulgado con isto tamén ven de dar a razón a case un cento de propietarios afectados por esta explotación mineira que se negan a abandonar terras que Cosmos se autoatribúe, ao consideraren que a suposta expropiación non é válida e que continúan a ser os lexítimos propietarios. O acoso de Cosmos, que non só está dirixido contra a ASC O Iríbio, senón tamén contra un cento de afectados directos, lonxe de intimidar, está a ter o efecto contrario en cada vez máis persoas, que alén do valor económico dos bens que lles pretenden usurpar, están a defendelos tenazmente xa simplemente por unha cuestión de dignidade e non se axeonllar ante os abusos e intimidacións constantes.
Esta pequena vitoria, a segunda nos ataques a José Horacio, é unha grande vitoria para toda a veciñanza, que comeza a ver que a agresividade desta monstruosa empresa é debida a que está ferida de morte e a firmeza e constancia, a verdade e a razón, poden vencer até aos máis ricos e poderosos.