Arquivos da etiqueta: fiscalía

ContraMINAcción reclama que se deixe traballar á xustiza e que se condene a tódalas persoas responsables

Onte a mediodía os medios de comunicación destacaban unha nova: o Director xeral de Minas deberá declarar como investigado por presunta prevaricación ambiental no contexto das investigacións da Fiscalía iniciadas en 2017 a raíz dunha denuncia presentada pola Asociación Ecoloxista Verdegaia e hoxe seguidas polo Xulgado Penal de Noia.


Contraminacción quere mostrar a súa preocupación pola divulgación da fase actual das pesquisas e demanda que Xulgado e Institucións adopten as medidas necesarias para que non se poña en perigo a investigación penal en curso relativa, entre outros aspectos, aos danos ambientais causados polas minas de San Fins. Uns danos que se levan producindo durante anos até o presente, tanto por acción como por omisión de persoas, en plural, con nomes e apelidos.

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

 

A publicación de filtracións só contribúe a que aumente aínda mais o risco de destrución de probas, antes de que se teñan adoptado medidas provisionais que o eviten eficazmente. Adicionalmente, aínda que como entidades ecoloxistas, podemos coincidir plenamente na necesidade de esixir responsabilidades políticas polas políticas de desfeita ambiental ao servizo do lobby mineiro, subsidiándoo e promovendo activamente a obstrución do dereito de acceso á información ambiental da cidadanía, advertimos do risco de frivolización política no momento presente que só favorece aos responsábeis penais dos delitos que se investigan. A petición de responsabilidades políticas é unha mensaxe reducionista, que transmite a idea de que anos de presunta impunidade se poderían explicar pola mera conduta dun político, sen participación dos funcionarios públicos nas respectivas áreas de actividade, omitíndose tamén ou quedando en segundo plano as primarias presuntas responsabilidades ambientais dos administradores das empresas mineiras.

 

A petición de responsabilidades políticas non exime das responsabilidades penais polas condutas desenvolvidas, poidan ou non ser mellor entendidas en casos particulares á luz dunha determinada acción de goberno. Contraminación esixe que, para que casos como o de San Fins non se repitan (un caso que por paradigmático, non é nin moito menos único), se condene a todas as persoas responsables dos presuntos delitos que se investigan.

 

O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por actividade mineira presuntamente ilegal en Frades

O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por unha actividade mineira presuntamente ilegal no concello de Frades

Un dos colectivos da nosa rede, o Sindicato Labrego Galego, vén de presentar diante da Fiscalía unha denuncia contra a empresa Erimsa por levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades sen que consten as licenzas preceptivas para poder levalas a cabo.

Extracción de cuarzo nunha parcela agrícola por parte de Erimsa (Fonte: Campo Galego)

 

Os feitos denunciados remóntanse ao outono de 2017, cando Erimsa fixo traballos extractivos dende o 27 de outubro na parcela 502, polígono 572, na parroquia fradense de Abellá. Con data 27 de novembro de 2017, o SLG puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Frades, solicitando do goberno municipal que, unha vez comprobados os feitos, actuasen en consecuencia. Ese mesmo día, denunciouse todo isto diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A día de hoxe, o Concello de Frades aínda non contestou, e a APLU manifestou, recentemente, que as actividades denunciadas non precisaban autorización autonómica previa á licenza municipal, desentendéndose da posible infracción.

Diante do silencio do Concello de Frades e do absentismo da APLU -pois é competencia súa intervir en supostos como o denunciado, con independencia do que faga ou deixe de facer o concello- dende o Sindicato Labrego Galego tomaron a decisión de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

Curiosamente, e dándolle a razón ao SLG, tralas denuncias realizadas, segundo o BOP do 26 de xaneiro de 2018, Erimsa solicitaba de Augas de Galicia a autorización de obras nos lugares de Regueiro e Trigueira, parroquia de Galegos (San Martiño, Frades). A maiores, extraído do BOP citado, Erimsa “solicita autorización para realizar cribado de terreo nas parcelas 571 e 572 do poligono 502 do catastro de Frades, no lugar de Regueiro, dentro da zona de policía de Ieitos do río Samo. O cribado consta das fases de escavación de terra vexetal, acopio temporal da terra vexetal escavación e cribado de materiais, carga do material a extraer, recheo do oco da escavación, estendido de terra vexetal e, finalmente, revexetación das parcelas”. O problema é que ese cribado de terreo xa fóra realizado antes de solicitar as licenzas para facelo.

Diante disto, o Sindicato Labrego Galego pediulle á Fiscalía que se requira da APLU a documentación referente a este caso e explicacións sobre o seu absentismo nesta denuncia. Tamén pedimos que se requiran todos os documentos relacionados con este suceso ao Concello de Frades, á Policía Autonómica (que presenciou os feitos denunciados), A Dirección Xeral de Minas e á propia empresa Erimsa.

Juízo contra a louseira que forneceu a Cidade da Cultura

(Nova breve aparecida en Novas da Galiza, nº 125)

A fiscalía de meio ambiente pede para os responsáveis da empresa “Piedra Natural de Mura S.L.” cinco anos de prisom por promover a louseira “Angelita II” num espaço protegido pola Rede Natura 2000. O PP concedeu vários contratos á empresa para fornecer de pedra a residéncia presidencial de Fraga e a Cidade da Cultura.