Arquivos da etiqueta: informes

Touro e O Pino: mentiras, afinidade con multinacionais, contaminación e obstáculos á información

(Nota de prensa da PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO O PINO NON.)

Os últimos datos ofrecidos pola Valedora do Pobo demostran a desidia e abandono da Xunta de Galicia respecto dos terreos da antiga explotación mineira de Touro e O Pino que só acode ao lugar ante as numerosas denuncias das veciñas e veciños. Tamén un reiterado afán de obstaculizar o acceso á información sobre o estado actual dos terreos e das medidas que se toman para que a mina abandonada no ano 1986 deixe de ser un grave foco de contaminación. Todo ocorre en pleno debate sobre a dubidosa viabilidade do proxecto presentado pola multinacional Atalaya Mining.


En decembro de 2017, o Director Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, defendía en comisión parlamentaria que as augas subterráneas da zona mineira de Touro e O Pino non estaban contaminadas, e aseguraba que a reapertura da explotación estaría condicionada a que se cumpriran tódalas garantías medioambientais. O pasado venres, de novo en comisión do Parlamento de Galicia, insistía en que a Xunta compre coa legalidade e controla, con compromiso e responsabilidade, a administración do proxecto mineiro e a situación ambiental da mina de Touro e O Pino. Nada máis lonxe da realidade.
“As denuncias de asociacións e veciños remataron coa apertura de catro expedientes sancionadores”
No que vai de ano os únicos expedientes sancionadores abertos á concesionaria ou ás empresas sitas nos terreos da antiga mina dos que se ten coñecemento foron iniciados polas denuncias de particulares e de asociacións medioambientais. Toda a información que se coñece, fíxose pública grazas ao traballo da Valedora do Pobo, que tivo que insistir -en repetidas ocacións- para recibir a información solicitada.
Trátase do desbordamento da balsa de Bama, a aplicación de tecnosolos sen o preceptivo informe favorable previo por parte da xefatura territorial, o vertido non autorizado de augas residuais ao río Brandelos causado polas labores de sondaxes mineiras levadas a cabo en pistas públicas – para os que tampouco contaban coa licencia municipal- e o uso de solos reciclados para a actividade da planta de valorización de residuos sen previo informe favorable. Estes son só catro exemplos dos moitos expedientes disciplinarios que a Xunta tería que ter iniciado de oficio se, como di Tahoces, a administración controlara o lugar con “compromiso e responsabilidade”. Máis isto non ocorre. As veciñas e veciños de Touro e O Pino convertéronse dende 1986 – e máis especialmente dende o pasado mes de agosto – en axentes especiais de vixilancia na procura dun control que a Xunta de Galicia non realiza, tal e como constata o informe da Valedora do Pobo. Empresas operando fóra da legalidade. Contaminación chegando aos regatos e ríos. Dende 1986. E non é un lema, é a realidade que sofren Touro e O Pino dende que a anterior propietaria abandonara os terreos ante a baixada do prezo do cobre.
Segundo información facilitada por Milagros Otero Parga, no tocante á balsa de Bama infórmase de que “non existe ningunha sinalización da balsa mineira, nin da súa existencia, nin da súa profundidade, composición ou risco, nin medidas de seguridade que impida acceso a ela” e que “a súa única xustificación – a da empresa propietaria dos terreos- era que se trataba do sistema máis económico, non o máis eficaz nin eficiente”.
Augas de Galicia constata a existencia dun vertido “constante e continuo”
A información que recibe a Valedora do Pobo de Augas de Galicia indica que “dos resultados obtidos nestas determinacións destacan os valores de condutividade na balsa e no efluente desta, que resultan dúas ordes de magnitude superiores ao resto de puntos, e o valor de pH no efluente da balsa (4.8)”. Remárcase ademais que, sorprendentemente, tres días despois de instar a Explotaciones Gallegas a solucionar o problema da balsa, esta “segue a presentar vertido por rebouse cara o río Brandelos”. A situación volve a manterse un mes máis tarde, cando os técnicos da gardería fluvial adscrita á Demarcación Galicia Centro de Augas de Galicia constatan a existencia dun vertido “constante e continuo de augas residuais misturadas con augas pluviais”. Augas de Galicia procedeu á incoación en data 08/03/2018 dun expediente sancionador que se atopa en fase de instrución.
Por outra banda, as analíticas que Augas de Galicia aportaba recentemente á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) confirmaron a contaminación en tódolos ríos da contorna da mina de Touro nos últimos dez anos por metais pesados e alta acidez, polo que se fai patente que as actividades levadas a cabo nos terreos da mina non estaban nin están sendo axeitadamente inspeccionadas. E ao contrario do que sostén o Director Xeral de Enerxía e Minas e tal e como demostran os resultados ofrecidos pola entidade, os niveis de PH non son normais desde 2013.
Medio Rural: incompatibilidade co aproveitamento gandeiro e mesmo forestal Sanidade: risco grave para o medio ambiente e a saúde pública
Medio Ambiente: proxecto pouco definido, desorganizado e con numerosas incongruencias Augas de Galicia: medidas insuficientes e inaxeitadas para garantir a calidade das augas IGME: incertidumes sobre a viabilidade económica do proxecto
Cómpre engadir que o contido dos informes sectoriais emitidos polos técnicos da Xunta xa coñecidos, deixa constancia dos numerosos aspectos negativos e deficiencias que presenta o proxecto de Cobre San Rafael.
Segundo os técnicos da Xunta de Galicia, as explotacións gandeiras “poden ver afectados tanto o subministro como a calidade da auga da que se abastecen ao producirse a destrución dos acuíferos e a contaminación química derivada da disolución química e arrastre dos diferentes compostos químicos na auga de chuvia”; “as explosións e voaduras poden repercutir no benestar animal”; “pode ocasionar unha intoxicación por cobre na gandaría”; respecto ás voaduras “non se fai unha avaliación detallada sobre o seu impacto na poboación”; “non se fai unha avaliación dos posibles materiais radioactivos naturais que se poden atopar asociados ao cobre na explotación (uranio, torio e radio e produtos da súa desintegración, como o radon)”.
O informe de Medio Ambiente, dos máis contundentes, fala tamén de “inconcrecións“, “incongruencias”, e de “cuestións non tratadas que precisan dunha argumentación con base científico- técnica sólida e contrastada” respecto da impermeabilización dos residuos perigosos. Son os datos que utiliza a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON para opoñerse ao proxecto, pese as acusacións, precisamente e paradóxicamente, de Cobre San Rafael de facelo con “argumentos sen base técnica”.
Estes informes únense a dous sobradamente coñecidos, os presentados pola Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, ambos demoledores. A SGHN xa advertíu no seu día de que “no caso de fallar ditos diques enormes, que rodearían por dous dos tres lados á aldea de Arinteiro, a menos de 250 m de distancia das casas, o estudo recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perda de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas, e iso sen ter avaliados os seus efectos sobre a ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente Margaritifera margaritifera, o mexillón de río, e Galemys pyrenaicus, a toupa de río), a riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e o Humidal Ramsar Complexo intemareal Umia-Grove-Carreirón”, entre outras moitas críticas.
A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago é a última en unirse á loita avalada xa por case douscentos colectivos, asociación, institucións e plataformas
A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS), logo de asesorarse con diversos especialistas, ven de mostrar unha fonda preocupación polo proxecto da mina de Touro pola súa proximidade ó Camiño, advertindo que en pleno Ano Europeo do Patrimonio Cultural e en vésperas do Ano Santo 2021 resulta alarmante a probable e directa afección do Camiño Francés, Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio Mundial. Hai que recordar que o movemento que se opón ao proxecto conta co apoio de trinta concellos (de diferentes e variadas cores políticas), sindicatos e de sectores produtivos tan relevantes como o do mar – coa ría máis produtiva de Galicia en perigo -, o do agro e o do turismo.
#10XMinaNON foi unha mobilización histórica
Co coñecemento de todos estes datos, que responden unicamente a datos e informacións coñecidas do proxecto e non a ideoloxías como se pretende vender dende certos sectores, e tendo en conta a magnitude da manifestación que o pasado domingo percorreu as rúas compostelás, na que ducias de miles de galegas e galegos mostraron o seu rotundo rexeitamento á minaría destrutiva e contaminante, resulta inconcibible e inadmisible que a estas alturas o Director Xeral de Minas, a viceportavoz do Grupo Popular Paula Prado, ou o mesmo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, continúen apelando á “legalidade” ou á “minería sostible” e ao seu compromiso e responsabilidade. Tal e como demostran estes feitos, as empresas que operan nos terreos da mina de Touro e O Pino fano fóra da legalidade, fano sen ningún tipo de control, vixilancia ou seguimento da administración. Fano, en definitiva, porque poden e lles resulta máis rentable. Fano porque non lles importa as consecuencias mediombientais que os seus actos teñan no futuro. Fano, concluíndo, coa colaboración dunha administración que fai moito que abandonou aos veciños e veciñas de Touro e O Pino, da conca do Ulla e da Ría de Arousa.
Pola omisión do seu deber á fronte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, non actuando fronte ás múltiples ilegalidades que se levan cometendo nos terreos da mina nos últimos anos, máxime cando é de sobra coñecido que Atalaya Mining acumula denuncias por parte da Fiscalía de Medio Ambiente de Andalucía e que os seus accionistas son responsables dalgunhas das catástrofes medioambientais de tódolos tempos; e pola constante obstaculización por parte do seu departamento no acceso á información do expediente da mina de Touro; se Ángel Bernardo Tahoces quere actuar con “compromiso e responsabilidade”, o que debería é dimitir.