Arquivos da etiqueta: Lavandeira

Atalaya Mining esfórzase por disfrazar a realidade destrutiva do seu proxecto mineiro en Touro

Promotores da mina de Touro din o contrario do que revela a súa herdanza mineira noutras partes de España e noutros continentes. ContraMINAcción contesta que “a minaría si contamina, si xera vertidos e si afecta profundamente a poboación local”. Non hai, como pretende mostrar o Sr. Lavandeira minería aséptica e con vertidos e contaminación 0/0.

Na entrevista a modo de publirreportaxe co señor Lavandeira, publicada hai días na prensa1, o director de Atalaya Mining en España fai unhas cantas afirmacións e cualifica de falsas e alarmistas as persoas e colectivos que nos posicionamos rotundamente en contra da mina de Touro. Desde ContraMINAcción quixemos analizar algunhas das afirmacións do señor Lavandeira e contrastalas coa realidade de outros proxectos..

O Sr. Lavandeira di: “Vertido cero, cero. Es que no va a pasar, está garantizado.”

ContraMINAcción contesta: O director de Atalaya Mining non aporta ningunha proba para esta garantía, pero podemos tomar como modelo do que podería pasar en Touro a pegada desta empresa en outros lugares. Por exemplo, a mina que Atalaya ten en Huelva:

O Diario de Huelva do día 29 de xaneiro de 2018 infórmanos de que o SEPRONA ten aberta unha investigación

…para aclarar el destino de los 3 hectómetros cúbicos de aguas ácidas que almacenaba la zona de Cerro Colorado y que ya no están contenidos en esa corta minera.”

O mencionado xornal andaluz segue informando que o SEPRONA pide á empresa que explique cal é o procedemento técnico que se usa para completar o ciclo da auga, así como o seu destino. O feito é que a explotación carece de planta depuradora.

Hai que aclarar que a planta de Huelva tamén traballa baixo o suposto principio de “vertido cero”.

A empresa manifesta que as augas son reutilizadas no proceso mineiro, mais o feito é que desapareceron 3.000.000.000 (tres mil millóns) de litros de augas ácidas.

Tal vez a desaparición desas augas teña conexión coa denuncia presentada pola Fiscalía de Medio Ambiente andaluza contra Atalaya hai uns meses. A denuncia (que non só vai dirixida á empresa, senón tamén ao señor Lavandeira) vén motivada por un delito de contaminación atmosférica con grave risco para a saúde das persoas, pola formación de nubes de po en suspensión.

Nela afírmase que os niveis de emisións de partículas superaron os límites permitidos durante os meses de febreiro, marzo, xuño, xullo, setembro e outubro de 2016. Ademais, supéranse os valores medios de cobre, zinc e arsénico en ata dez veces respecto a outras localidades.

As detonacións van máis aló de seren “como un temblor que dura medio segundo y cuya vibración también está regulada por ley.” Parece que o feito de que a lei estableza regulamentacións respecto a emisións de distinto tipo, non disuade a esta empresa de saltar esas regulamentacións de maneira constante e reiterada.

Aspecto das minas de Rio Tinto

O Sr. Lavandeira di “Aquí todo se basa en algo etéreo: «Es que hay un grave peligro, es que van a contaminar…».

Para ContraMINAcción resulta evidente que en Atalaya Mining non tomaron en consideración os distintos documentos presentados contra o proxecto, como o informe da Federación Ecoloxista Galega ou as alegacións da asociación ecoloxista Verdegaia2, ambas integradas na rede ContraMINAcción. Eses documentos non se basean en graves perigos etéreos, senón en evidencias que se recollen na propia documentación presentada a trámite. Entre os documentos presentados atópase un estudo3, que alerta da presenza de materiais potencialmente xeradores de procesos acidificantes, que poden ser a fonte de cantidades considerables drenaxes ácidas de rocha.

No mesmo estudo alértase do risco de concentracións elevadísimas de metais pesados, que poderían afectar con facilidade as augas subterráneas e superficiais.

Non o afirma o que chaman o “lobbie ecoloxista antimineiro”: afírmao un estudo encargado e pagado por Atalaya Mining.

O Sr. Lavandeira “He participado en la puesta en marcha de muchas minas en Europa, en África, y nunca me he tenido que echar atrás.”

Ao contrario do que afirma, a herdanza de Lavandeira en África deixou a súa pegada non só no Congo, senón tamén no internet, e parece máis que dubidosa. Nese continente, concretamente no Congo, o Sr. Lavandeira liderou, segundo a prensa económica española, a apertura dun proxecto de extracción de cobre e cobalto en colaboración coa mineira Glencore1.

Segundo o diario alemán TAZ5, a mina Mutanda, na que Lavandeira traballou entre 2007 e 2014 é un “exemplo de manual do negocio corrupto dos minerais no Congo”. O cobre e o cobalto, imprescindibles para a tecnoloxía, son sen embargo causa de graves conflitos no país africano. Non se atopan na lista de minerais en conflito, porque o negocio con estas materias primas está en mans do estado e non das mafias e as milicias armadas. Pero ao estado dálle igual que “a minería en Mutanda contamine os ríos e as condicións de vida na cidade mineiras de Katanga sexan dramaticamente malas, con traballo infantil, descoidándose os estándares de seguridade e con arbitrariedades das forzas de seguridade”. Tamén se prodiga dito medio sobre a corrupción en torno a estes proxectos mineiros.

Contaminación nas proximidades da mina de Mutanda

A mina Mutanda é ata hoxe altamente controvertida.

Estas afirmacións están rotundamente amparadas por investigacións continuadas e diferentes informes da prestixiosa organización Global Witness6.

Pois ben, estas son as credenciais de Atalaya Mining e dos seus xestores.

Poida que para segundo quen sexan satisfactorias.

A nós prodúcennos arrepíos, e confírmannos na nosa postura en contra do proxecto de Touro.

#MinaTouroOPinoNon

 

1https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/touro/2018/02/27/riesgo-contaminacion-habra-vertidos-mina-touro-cero-garantizado/0003_201802G27P29994.htm
2Documentos de colectivos pertencentes a ContraMINAcción que se citan na nota:· Informe da Federación Ecoloxista Galega: https://app.box.com/s/2lzzswohl568jw7stlvcx2w6ug0g90w2· Alegacións de Verdegaia: https://app.box.com/s/t08lcyg4ld8yw2t09ab5stos6wbeczmo
3“Briefing Note: High-Level Acid Rock Drainage Risk Assessment of the Touro Copper Deposits, Spain”, Dr. Bernd Lottermoser
4http://www.eleconomista.es/andalucia/noticias/5639055/03/14/Emed-ficha-a-exaltos-cargos-del-gigante-minero-Glencore-para-Riotinto.html
5 http://www.taz.de/!5442128/
6https://www.globalwitness.org/en/archive/8132/ ,