Arquivos da etiqueta: loitas

ContraMINAcción, satisfeita pola posible anulación do proxecto mineiro de Corcoesto

solidariedade

 

A rede de colectivos ContraMINAcción manifesta a súa satisfacción polas recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto da anulación do proxecto mineiro de Corcoesto.

Desde a rede ContraMINAcción agardamos, cunha certa desconfianza, que esas declaracións do presidente se traduzan o antes posible nunha anulación oficial de todo o proxecto pola mesma vía pola que este foi presentado a exposición pública: o DOG”, declara Nela Abella, do colectivo Verdegaia e da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños. A rede agarda pois a resolución pública no DOG antes de celebrar como unha vitoria definitiva a que de momento só e unha “suposta” anulación.

A posición de ContraMINAcción, rede de colectivos en contra da minaría fronte ao proxecto mineiro e clara: que sexan anulados inmediatamente tódolos documentos presentados por Edgewater; é dicir: o plano de restauración, o estudo de impacto ambiental (EIA), así como a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable da Consellería de Medio Ambiente; e tamén os dereitos mineiros da empresa sobre as concesións relacionadas con ese proxecto. Así mesmo, ao incumprir o proxecto mineiro de Corcoesto a Lei da Política industrial de Galiza, debe ser rexeitada de xeito oficial a solicitude de ser considerado como estratéxico.

En tanto non se anule a DIA, autorización xa concedida, e se deneguen todos os demais trámites de forma oficial, nós continuaremos con tódalas nosas accións sen dar credibilidade a estas declaracións, que por agora só son palabras que leva o vento”, manifesta Marcos Celeiro, da Associaçao Socio-Cultural O Iribio.

ContraMINAcción lamenta que a —de momento suposta— anulación se basee unicamente en criterios financeiros, e deixe de lado todos os impactos ambientais, que denuncian hai tempo tanto colectivos opostos ás minas como o ámbito científico, e dos que dan boa conta os distintos informes elaborados ao respecto.

Houbo demasiadas irregularidades ata o momento, na tramitación deste proxecto, que foron denunciadas desde o primeiro momento polos colectivos implicados na loita contra o mesmo”, declara Aurora Puentes de Santa Comba Viva.

Nesta liña, é inexplicable a demora en satisfacer o dereito ao acceso á información de carácter ambiental por parte da Xunta, xa que repetidos intentos de acceder a informacións recentes sobre o proxecto foron frustrados”, declara Margarida Prieto do Sindicato Labrego Galego.

Eu non baixaría a garda, pois o anuncio de suspensión do proxecto ten toda a pinta de tratarse dunha nova estratexia de despiste por parte da Xunta, ben para tentar acalmar unha vez máis a oposición aos proxectos mineiros ou ben para mellorar as condicións en que pactaron o proxecto, todo en medio dunha falta total de competencia técnica e escurantismo cara á comunidade”, di Guadalupe Rodríguez do colectivo internacional Salva la Selva.

ContraMINAcción seguirá a traballar en defensa do territorio e denunciando en tódalas instancias ao alcance calquera irregularidade de tramitación relacionada con este proxecto e con calquera outro proxecto mineiro que se pretenda sacar adiante, así como contra os graves impactos ambientais derivados das actividades extractivas. Esta rede de colectivos continuará mobilizada permanentemente en loita contra todos os proxectos mineiros actuais e futuros que pretendan destruír o noso país, independentemente do que finalmente aconteza co proxecto mineiro de Corcoesto, pois esta só é unha das moitas ameazas que temos sobre a nosa terra, as nosas vidas e o noso futuro.

Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible.

Estamos todas e todos no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.

Moitas grazas.