Desde ContraMINAcción facémonos eco do comunicado emitido pola Comisión de seguimento da zona de Mesía e en Defensa do Rural, que reproducimos a continuación:
RESPOSTA Á CHANTAXE DE ERIMSA.
Ramón Barreiro, representando ao Sindicato Labrego dentro da Comisión de seguimento da Minería na zona de Mesía e en Defensa do Rural, unha vez analizado o comunicado de Erimsa e comprobados os seus feitos, consideramos moi graves as declaracións feitas para presionar á Xunta de Galicia ao tempo que poñen de manifesto supostas irregularidades que xa, en si, son graves (das que esperamos que a Xunta de Galicia e os concellos correspondentes actúen en consecuencia, pois son recoñecidas pola mesma empresa). Nese mesmo comunicado demóstranse tamén varias irregularidades e contradicións, polo que esta Comisión quere EXPOÑER:
Primeira.- Erimsa non ten maior importancia económica para a zona, xa que ten menos traballadores que algunha granxa da comarca e o material e diñeiro que producen marchan fóra da comunidade e do país (capital chino en gran parte, e os donos non os coñecemos).
Segunda.- Erimsa nos últimos anos fixo moito dano medioambiental na zona de Mesía, como cambio de augas subterráneas, o famoso enterramento das vacas “tolas” en canteiras escavadas a varios metros de fondura, entradas en fincas particulares sen permiso, enganos na preparación do terreo, non executar os plans de recuperación medioambientais, deixar balsas abertas de varios millóns de litros de auga ao aire aberto, etc. Todo o contrario do que predican.
Terceira.- Crea malestar e enfrontamentos, xa que usaron aos seus catro traballadores para intimidar a veciños e poder explotar as súas terras.
Cuarta.- Supostamente os traballos que fai Erimsa nas zonas que traballa a máis de 20 metros de fondura como na zona de Lanzá, poden activar o Arsénico que pode ir parar as augas, produto altamente contaminante e moi perigoso, afectando negativamente a vida das persoas e animais que as consuman. Erimsa non presentou aos afectados ningún plan corrector de Arsénico nin nunca informou dos metais pesados que se mobilizan no movemento de grandes masas de terra.
Quinta.- Erimsa traballou en fincas de especial protección agropecuaria extraendo seixo a varios pares de metros de profundidade sen ningún impedimento e supostamente, polas súas declaracións, sen permiso. O cal é moi grave.
Sexto.- Recoñece Erimsa que traballou en miles de hectáreas na zona de Frades e Mesía. As autoridades deben comprobar e investigar este tema, que aclaren en cantas hectáreas tiñan Autorización e en cantas NON, así como se cumpriron os plans de recuperación medioambiental e investigar os vertidos das augas que saen das súas canteiras, entre elas a canteira onde enterraron centos de “vacas tolas”.
Sétima.- Erimsa acaba de recoñecer que está SEN Autorizacións da Xunta de Galicia para traballar, pois procede dicir e poñer en coñecemento das Autoridades que a día de hoxe están facendo escavacións e movementos de terras no concello de Frades, supostamente tamén sen permiso, o que pode afectar aos organismos seguintes:
-
Augas de Galicia. (Zonas dos ríos e fontes afectadas).
-
Medio Rural (fincas de especial protección agropecuaria) .
-
Concello de Frades e Consellería de Medioambiente (Plan de contaminación de posibles materiais perigosos como Arsénico ou aluminio, e suposto permiso municipal).
-
Axencia de protección urbanística ( estase danando o solo)
-
Fiscalía (Por supostas irregularidades continuadas).
Oitava.- Erimsa remove e quita Seixo que nunca máis se recupera, quedando un chan danado de por vida para a actividade agraria, un dano irrecuperable xa que as fincas nunca son o mesmo e as ganancias enormes que teñen van fóra do país, só aportan dano ao medioambiente.
A Xunta de Galicia debe actuar canto antes e responder á chantaxe de Erimsa, así como pedir aos concellos de Frades e Mesía os permisos cos que conta esta empresa para traballar da forma que o está facendo.
COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA MINERÍA NA ZONA DE MESÍA E DEFENSA DO RURAL