Recuperar ouro, cobre e outros metais do lixo electrónico non só é máis sustentable, senón que ademais é 13 veces más barato que extraer metais das minas, segundo se desprende das investigacións publicadas pola Sociedade Química Americana na revista Ciencia e Tecnoloxía Medioambiental.
Investigadores da Universidade de Tsinghua en Peking e da Universidade de Macquarie en Australia estudaron datos de 8 empresas de reciclaxe en China e calcularon o custo de extraer metais do lixo electrónico co que se vén chamando minería urbana. Observaron que unha televisión de tubo catódico contén case medio quilo de cobre, e máis de medio quilo de aluminio. Tamén contén arredor de 10 gramos de ouro.
Os gastos das empresas de reciclaxe, que foron compensados con axudas gobernamentais e ingresos das ventas dos materiais e compoñentes que se recuperaron, incluíron recollida de lixo, man de obra, enerxía, material e transporte, ademais de gastos en maquinaría e naves, segundo a Sociedade Química Americana.
“Os investigadores conclúen que con estas compensacións, custa 13 veces máis obter estes metais da minería metálica que da minería urbana”, di a Sociedade Química Americana.
Aínda que o estudo estaba limitado ao cobre e ouro extraídos e procesados de residuos electrónicos de televisores, os investigadores afirman que os seus resultados indican unha tendencia e posibilidade de ser aplicados a unha gama máis ampla de residuos electrónicos e metais.
“Se estes resultados se poden estender a outros metais e países, prometen ter un impacto positivo na eliminación de residuos e nas actividades mineiras a nivel global, xa que a economía circular viría a desprazar a economía de traxectoria lineal”, afirman no estudo.
Extraer metais do lixo electrónico hai tempo que ten sentido para empresas como Dell, tanto a nivel económico como medioambiental. Michael Murphy, vicepresidente de Dell Technologies para Enxeñería de conformidade global de produtos e asuntos medioambientais, declarou a Environmental Leader que os ordenadores son un tipo de produto complexo, pero dos que se poden obter fluxos de valor.
“Unha das claves é a extracción de metais preciosos”, dijo. “Axudamos co deseño para que sexan reciclables e así permitir aos nosos colaboradores obter os materiais de máis valor facilmente, e usalos novamente nos nosos produtos ou outros sectores”.
Este ano, Dell colaborou coa actriz e activista Nikki Reed cunha colección de xoias de edición limitada feita nos Estados Unidos usando ouro recuperado nos programas de reciclaxe de Dell. Desde 2012, a compañía di ter convertido máis de 50 millóns de libras de materiais reciclados en novos produtos.
A nosa economía actual é lineal, é dicir, está baseada no sistema de producir-comprar-tirar, un sistema que ignora os límites reais do noso planeta. A produción de obxectos de consumo non se fai pensando nos nosos recursos e necesidades, senón na busca do beneficio económico a calquera prezo, sen ter en conta para nada os criterios ambientais. Así, a maioría de obxectos son producidos desde a perspectiva da obsolescencia programada, pensando en que duren o menor tempo posible e non sexa posible arranxalos, para que precisemos facer unha nova compra.
Desde ContraMINAcción pensamos que este modelo non serve, e que leva a unha necesidade cada vez maior de destruír o noso solo para obter recursos que en realidade xa están aí, no noso lixo. Cremos que cómpre facer o cambio a unha economía circular, na que se aposte pola durabilidade dos obxectos producidos, e na que se lle dea aos residuos o valor que realmente teñen, pois non son outra cousa que recursos que poden ser aproveitados para un novo ciclo.