Arquivos da etiqueta: parlamento europeo

As peticións sobre a mina de Touro seguirán abertas no Parlamento Europeo

A xornada da delegación de representantes das asociacións contrarias á mina de Touro comezaba esta mañá coa reunión con Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións e con representantes dos distintos grupos políticos con representación na Eurocámara, onde estes escoitaron as reivindicacións do colectivo e mostraron a súa preocupación pola situación actual da minería en Galicia.

Pola tarde tocaba a quenda para a defensa das tres peticións sobre a mina de Touro, presentadas polas asociacións galegas Cova Crea, Petón do Lobo e Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON. Aínda que cada representante dispuxo de 5 minutos para expoñer a súa petición, o debate posterior levou a cabo de forma conxunta, unificando as peticións coma se fose unha, dada a conexión entre as tres.

O primeiro peticionario en intervir foi Luís Gallardo, veciño de Touro, quen solicitaba á Comisión de Peticións “que tome en serio a falta sistemática de cumprimento da lexislación da Unión Europea nas operacións mineiras galegas, e antes de que sexa demasiado tarde”, do mesmo xeito que explicaba que “desde que se presentou un novo proxecto para reabrir a mina en 2017, as autoridades estivéronse burlando de nós, xogando ao gato e ao rato. Retense a información ambiental, ignórase a Convención de Aarhus, restrínxese a participación pública e impóñense multas e sancións ridículas só despois de nosas continuas denuncias pola contaminación. Dinnos que vaiamos aos tribunais. E imos. O fiscal iniciou varias investigacións penais pero o sistema non funciona. Os xuíces e fiscais carecen dos recursos para levar a cabo investigacións penais longas e complexas relacionadas co medio ambiente, en particular cando abordan ducias de casos coñecidos e implicacións sistémicas. A administración é moi consciente disto e esa é a razón principal para manter a información ambiental crucial lonxe do público. […] Eles chámano ‘operación de baixo custo’ e ‘administracións amigas’, nós chamámolo morte, destrución, impunidade, inferno”.

O foco sobre a afección da mina de Touro á calidade das augas poñíao a segunda peticionaria, María del Pilar Sampedro, mariscadora da Ría de Arousa, quen destacou o papel da frota pesqueira na economía galega e como a actividade mineira descontrolada en Galicia mata lentamente “o noso modo de vida, o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas. Se a actividade mineira reactívase o ritmo avanzará e as consecuencias non tardarán en producirse: peche de zonas de produción, desemprego e emigración”. Sobre o papel da Administración galega, Pilar tamén lembraba que “desde o Goberno denegóusenos durante máis dun ano o acceso a documentación esencial, imposibilitando a participación pública informada. […] Nosa administración ten claro a quen se debe e a quen serve, e non é nin aos sectores produtivos do mar e do campo nin ao cumprimento das normas da Unión Europea.”

Por último, Iria Méndez, unha moza veciña de Arinteiro, a “zona cero” da mina de Touro, expuxo a situación na que o novo proxecto de extracción de cobre promovido por Cobre San Rafael, deixaría tanto á súa familia como a todos os seus veciños: “Queren resucitar unha mina que implicaría construír a 200 metros da miña casa, si, a 200 metros,… unha balsa de residuos mineiros de 90 metros de alto e 3 quilómetros de lonxitude, con maior capacidade que a que fallou en Brumadinho, en Brasil, matando por centos de persoas. Cando esa presa teña unha falla crítica eu, os meus pais, a miña familia, os meus veciños e amigos, morreremos en segundos. En segundos… Enténdeno?[…] No proxecto nós somos apenas o factor ‘perda de máis de 50 vidas humanas’ baixo o epígrafe que indica que o risco de rotura da presa é ‘extremo’. Morreremos… Pero o certo é que xa nos mataron moito antes, pois para construír esa presa de morte expropiarían antes todas as terras agrarias que serven de base á nosa explotación”.

Os tres relatores coincidían na necesidade de que a Comisión de Peticións manteña abertas as peticións e que, ademais, inicien unha misión de investigación na que poidan ver por si mesmos a situación en Touro, así como noutras zonas mineiras de Galicia como son San Finx, Monte Neme ou Santa Comba.

Unha vez concluído o tempo dos peticionarios, tiña a quenda de palabra Daniel Fernández Gómez, representante da Comisión Europea, quen argumentou que “é responsabilidade dos estados membros prover os medios e recursos para que os cidadáns poidan esixir o cumprimento da normativa” ambiental e de tratamento de residuos extractivos, do mesmo xeito que “non hai indicio de infracción” na tramitación do proxecto presentado por Cobre San Rafael. Estas palabras sorprenderon á Vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, que lle lembrou que a Comisión Europea é a gardiá dos Tratados e que esta e os estados membros teñen o deber de intercambiar información, polo que a Comisión está a ter unha actitude pasiva neste caso. Pola súa banda, a Vicepresidenta pediu enviar unha delegación a Touro para coñecer de primeira man a situación.

Excepto o representante do Grupo do Partido Popular Europeo, Francisco Millán Mon, os demais membros da Comisión de Peticións mantiveron unha postura favorable a que as peticións permanezan abertas á espera de nova información por parte da Xunta de Galicia. Magrete Auken, do Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, apelando ao principio de precaución, solicitou ademais trasladar a petición tamén á Comisión de Pesca e á Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, dado o grave impacto que a minería en Galicia supón para estes sectores produtivos estratéxicos na nosa economía.

Pola súa banda, Millán Mon tachou as tres peticións presentadas de “superfluas, prematuras e infundadas”, mostrando máis preocupación pola imaxe da minería galega que polo dano que a mesma causou e pretende seguir causando na nosa Comunidade Autónoma.

Finalmente, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, concluía coa resolución de proposta da Comisión de manter abertas as peticións e remitindo a decisión sobre a petición de visita a Galicia á reunión de coordinación, quen ten a competencia.

Posteriormente á intervención na comisión parlamentaria, tanto os peticionarios como os demais representantes dos colectivos que se trasladaron ata Bruxelas, comparecían diante dos medios de comunicación con Ana Miranda para facer unha valoración sobre o resultado da xornada no Parlamento Europeo. A representante do Bloque Nacionalista Galego en Europa sinalaba que “agora esta comisión parlamentaria ten que dirixirse á Comisión Europea para que lle pida, á súa vez, ao goberno galego, toda a información, que é o goberno competente, neste caso da minería, pero tamén ao goberno español, para que implemente as tres directivas europeas sinaladas. Imos ter uns meses para que o goberno galego leve a cabo un envío de información rigorosa”.

Mentres isto ocorría en Bruxelas, desde Huelva Atalaia Mining anunciaba os seus novos obxectivos de expansión a Chile e Perú. Significa isto, talvez, que están a pensar en desistir do seu proxecto de Touro? Ou ten que ver, talvez, coa sentenza xudicial firme que anulaba a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Riotinto en Huelva?

ContraMINAcción no Parlamento Europeo para falar dos estragos da minaría

Xunto a Ecologistas en Acción e plataformas de todo o estado afectadas por proxectos mineiros.

O evento organizado polo eurodiputado Xabier Benito, de Podemos, levou a voz dos grupos afectados pola minería.

Falamos dos problemas ambientais e sociais relacionados con diferentes proxectos mineiros en España e en Europa e coordináronse estratexias a futuro.

Esta terceira semana de outubro comezou forte para ContraMINAcción. Xunto a outras plataformas e organizacións de diferentes comunidades autónomas achegámonos a Bruxelas para poñer os problemas provocados pola minaría en común e facer visibles diferentes loitas contra a minaría que xurdiron nos últimos anos.

Falamos da febre das materias primas como litio, estaño, wolframio e tántalo en Cáceres; de uranio en Salamanca; de feldespato en la Ávila; de terras raras en Campo de Montiel, Ciudad Real. E de cobre, wolframio e ouro en Galicia.

Nos diferentes testemuños atopamos elementos en común: a gran preocupación cidadá polas consecuencias socioambientais das explotacións mineiras en aumento exponencial e incontrolado. Constatamos o carácter sistemático dos problemas, tendo explotacións mineiras un risco elevado para a poboación, tanto no que se refire a calidade das augas e do aire, como a contaminación e destrución da terra. “Non podo imaxinar a miña existencia sen a miña terra e por iso a defendo”, explica Laura Serranos ao ser preguntada pola sua motivación para opoñerse a minaría que a levou ata Bruxelas.

Tamén constatamos a deficiente restauración de antigos proxectos mineiros en moitos territorios, entre os que sobresae Galicia cas súas minas de San Finx, Touro ou Monte Neme. A pesar de iso, pretenden reactivar algúns destes proxectos. A perigosidade das balsas de residuos mineiros é un elemento común nos proxectos que a empresa Atalaya ten en Andalucía e en Galicia.

Ademais, rememoramos as imaxes da manifestación de máis de 50.000 persoas en Santiago de Compostela en protesta contra a minaría en xuño deste mesmo ano.

Como resultado decidimos seguir coordinando denuncias tanto a nivel estatal coma internacional, xa que como sinalou un membro da propia Comisión Europea na sua presentación, é verdade que as mineiras non cumpren a lexislación en gran parte dos casos.

O encontro tivo lugar gracias a iniciativa de Ecologistas en Acción quen a través de algúns dos seus grupos en diferentes territorios como Salamanca, Zaragoza ou Andalucía veñen constatando o aumento da conflitividade en torno a proxectos mineiros. Outros grupos de Avila, ou nós mesmos de Galicia unímonos a proposta.

Xabier Benito, europarlamentario do grupo ALDE reuniu en Bruxelas aos grupos afectados por minería

A facilitación veu dada polo eurodiputado de Podemos Xabier Benito, quen organizou varias actividades entre as que destacan un produtivo encontro no propio Parlamento Europeo en presencia dos seus colegas en Europa Miguel Urbán e en Andalucía Jesús Romero e Castilla-León, David Llorente. Estiveron tamén presentes na reunión membros do parlamento europeo doutros grupos políticos interesados no tema, como as galegas Lidia Senra e Ana Miranda e tamén Florent Marcellesi, para escoitar os testemuños e mostrar o seu apoio.

Agradecemos a oportunidade de facernos escoitar.

 

A eurodiputada galega Ana Miranda asistiu á reunión

A eurodiputada galega Lidia Senra achegou a sua solidariedade a ContraMINacción e participou da reunión

 

 

 

 

 

 

En prensa:

– El Confidencial: Asociaciones y ecologistas españoles reclaman el cierre de minas en el PE

– Diario de Teruel: Asociaciones y ecologistas españoles reclaman el cierre de minas en el Parlamento Europeo

– Finanzas: Asociaciones y ecologistas españoles reclaman el cierre de minas en el PE

– Tercera información: Podemos Andalucía lleva al Parlamento Europeo la “burbuja” de la minería impulsada por el PSOE

– La Vanguardia: Asociaciones y ecologistas españoles reclaman el cierre de minas en el PE

– La Opinión A Coruña: Ecologistas reclaman al Parlamento Europeo el cierre de minas en Galicia

– El Diario Castilla la Mancha: Podemos eleva al Parlamento Europeo su oposición a la “minería especulativa” de Ciudad Real

– Morón Información: Isidoro Albarreal participa en Bruselas en un evento sobre minería en Europa

– Ávila Red: Las plataformas antiminas acuden al Parlamento Europeo

– El Periódico de Aragón, a las 18.42h. Integrantes de Ecologistas en Acción y varias asociaciones en el Parlamento Europeo (PE) 

-Mining.com: Spanish environmentalists demand mine closure

Campaña europea para prohibir o uso do cianuro na minaría

Diante da inminente celebración de audiencias para ratificar no seu cargo ao Comisario de medio ambiente da Unión Europea, desde distintas organizacións europeas en contra de proxectos mineiros, decidimos iniciar unha campaña para promover a prohibición do uso do cianuro na minería, divulgando entre os eurodiputados, e moi especialmente aqueles que están na Comisión de medio ambiente, os riscos derivados do uso desta perigosísima substancia.

bancyanide2

Así, vimos de elaborar unha lista de preguntas que queremos, a través das e os parlamentari@s que están nesa Comisión, trasladarlle ao Comisario de ENVI.

Esperamos que coa vosa axuda o candidato a Comisario de ENVI reciba a nosa mensaxe: ¡Non ao ouro tóxico! durante as audiencias que terán lugar no Parlamento Europeo nos próximos días. 

Como podemos facelo? É doado colaborar desde a túa casa, simplemente utilizando as redes sociais e o correo electrónico.

  • Nesta páxina podes ver os contactos d@s eurodiputad@s de España da Comisión de Medio Ambiente. Só tes que escoller, na pestana “País”, España; na de “Órganos políticos”, Comisións; e á dereita, a Comisión de Medio ambiente, Saúde Pública e Seguridade alimentaria.  Pódense enviar chamamentos a diputad@s de calquera Comisión, pero pensamos que se debe priorizar a Comisión de Medio ambiente.

  • Ao pinchar en cada nome, ábrese o perfil, no que á dereita aparece o correo electrónico, así como o teléfono. Envíalle un correo electrónico ou chama, pedíndolle que, nas audiencias que se van celebrar, presione contra o cianuro. Podes enviarlle algunha das preguntas que elaboramos, ben sexa en galego ou en castelán.

  • Segue o seu perfil en Facebook o Twitter e envíalle unha ou dúas mensaxes ou tweets. Suxírelle unha das preguntas para a audiencia.

  • Propostas de tweets a enviar:

    Axuda! Temos preguntas para audiencia Comisario ENVI 29 sept #bancyanide #nonaoourotoxico

    Comunidades en toda a Unión Europea confrontadas con proxectos mineiros que implican o uso de cianuro #bancyanide #nonaoourotoxico

    @(nome eurodiputad@) Campaña internacional contra o uso de cianuro na minería, preguntas para Comisario ENVI aquí #bancyanide #nonaoourotoxico

    @(nome eurodiputad@) encontras as nosas preguntas para o Comisario ENVI aquí sobre #bancyanide #nonaoourotoxico

    #Cianuro dana saúde e ecosistemas. Preguntas #bancyanide para ComisarioENVI aquí

    Podes formular unha destas preguntas ao comisario ENVI? Grazas de @mineriagalicia #bancyanide #nonaoourotoxico

Se utilizas os tweets en español, para divulgar en todo o estado, substitúe a ligazón pola das preguntas en español.

Anímate e colabora connosco!

NON MÁIS OURO TÓXICO!!

Para máis información sobre a campaña: Guía (galego); Guía (castelán)

Halkidiki, espello de Corcoesto

O pasado mércores, varias persoas da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños estivemos, xunto con representantes de colectivos doutras comarcas de Galiza (Corno do Monte, de Xinzo; Ribeiras do Miño, de Castrelo do Miño; representantes veciñais de Ramirás e Cartelle), na Conferencia Movementos sociais contra a megaminaría en Europa“, no Parlamento europeo. Esta Conferencia tiña como obxectivo chamar a atención das institucións comunitarias sobre as graves repercusións que a minaría está provocando no noso territorio e noutras partes de Europa, e facer presión para que se cumpra a normativa europea. Permitiunos, ademais, coñecer de primeira man outros casos de proxectos salvaxes en Europa, como é o de Halkidiki (Grecia) e o de Rosía Montana (Romanía).

Intervención de Carmen Varela, da Plataforma de C. e B.

A resolución do Parlamento europeo sobre ouso do cianuro na minaría, que foi aprobada en maio de 2010 pola Eurocámara en maioría, foi rexeitada máis adiante pola Comisión europea. Pero ese rexeitamento debería ter traído consigo a elaboración dunha contraproposta por parte de dita Comisión, que tería que ser levada de novo á Cámara para a súa votación. Normalmente ese proceso non ocupa máis dun ano. No noso caso, como vedes, son 3 os anos que pasaron. Cal é a explicación desta esaxerada demora? Pode ser debida ás presións dos lobbys mineiros, que estean tratando de dilatar o proceso para, mentres, con axuda dos gobernos locais sumidos na corrupción, aprobar os proxectos antes de que o Europarlamento decida nada ao respecto?

Como sexa, é hora de que a Comisión europea “faga os seus deberes” ao respecto do uso do cianuro da minaría, tal e como alí se lle recordou por parte de varias das persoas que interviñeron.

O feito de que a maioría dos proxectos estean situados no sur de Europa, pensamos que non obedece tanto a unha maior riqueza mineral dos nosos subsolos, como á situación económica pola que están atravesando os nosos países e ao xogo de poderes que se establece entre os distintos estados e as multinacionais. Preguntámonos se non estaremos pagando “en especies”, e sen que a maioría da poboación teña constancia, unha parte da débeda contraida no seu día polos bancos aos que estamos rescatando a costa de perder o noso poder adquisitivo e os dereitos adquiridos ao longo de moitos anos de loita. E, agora tamén, o noso territorio.

Escoitar falar á xente de Grecia e Romanía foi como mirarse nun espello. Nun espello-máquina do tempo, que reflectía a que posiblemente será a nosa realidade en poucos meses. A medida que se ían debullando os datos de ambos proxectos (nacionalidade da empresa -seguro que a adiviñades-, hectáreas afectadas, toneladas de cianuro diarias, proximidade a áreas incluídas en Rede Natura, material removido en cada explosión, repercusións medioambientais e de saúde humana, o emprego como escusa, a conivencia coas autoridades, a grave afección ao sector agrogandeiro, a absoluta opacidade, enganos e manipulacións, control da prensa…), mirábamonos entre nós, para ratificar cada un na cara do outro que estaba sentindo o mesmo: esa sensación de estar escoitando falar do noso a quen fala de algo que está moi lonxe no espazo, pero que por forza está moi preto no corazón. A medida que se ían enumerando os argumentos para opoñerse á barbarie, (eses argumentos que coñecemos hai tempo porque son os mesmos nos que nos baseamos), a onda de solidariedade ía medrando dentro do noso peito.

Especialmente emotiva foi a intervención da muller en cuxa casa entraron, e cuxo fillo adolescente foi detido na súa presenza polo grave delito de opoñerse a que destrúan o seu territorio; ou a do home que, ombro con ombro coa súa muller, acudía día si e día tamén ás manifestacións nas que se encontraba fronte ao seu fillo, que é policía.

Alí, o terreo xa está tomado pola multinacional, e para impedir o acceso ao mesmo por parte dos seus lexítimos propietarios non contratan os servizos de axencias privadas de seguridade, senón que utilizan a policía nacional, pagada a base de impostos polas mesmas persoas ás que lles foi roubada a terra.

Ao igual que pola nosa parte falou a doutora en Química Carmen Varela, por parte do grupo grego fixérono o profesor de Xeoloxía Kyriakos Panagiotopoulos, o enxeñeiro químico Nikos Moschoudis, e o químico Athena Panayiotou. Todos eles coincidían na súa denuncia das graves consecuencias que este tipo de proxectos poden ter para o noso futuro.

Desde a Plataforma queremos agradecer a oportunidade que Ana Miranda, eurodiputada de BNG-ALE, nos proporcionou de expoñer as nosas queixas diante dos membros da Comisión europea, así como de compartir loita coa xente de Halkidiki e Rosia Montana. Non sempre as persoas que se adican á política comprenden que unha parte importante do seu traballo é precisamente esa: dar voz á cidadanía nas institucións.