ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal
O sábado 11 de maio, ContraMINAcción estivo en Boticas, Portugal, nun Encontro sobre minería de litio no país veciño.
A asociación “Unidos em Defesa de Covas do Barroso” está a solicitar o cancelamento da denominada “Mina do Barroso”, e das demais solicitudes de prospección en zonas circundantes. A súa motivación é preservar o ambiente, o patrimonio, e a saúde e calidade de vida da poboación.
Por iso organizaron un Encontro que consistiu nunha xornada de conversacións, un xantar colectivo e unha visita ao sitio do proxecto mineiro. Coa presencia do Presidente da Cámara Municipal de Boticas, Fernando Queiroga, a Junta de Freguesia, a coordinadora do evento Jessica da Cruz (da asociación Unidos em Defesa de Covas do Barroso) e de outras persoas residentes de Covas do Barroso afectadas polo proxecto, como Nelson ou Francisco.
Ao longo da intensa xornada tiveron lugar intensos debates e intercambios, nos que participaron mesmo xeólogos afíns aos proxectos mineiros, que se achegaron para interesarse polo contido do evento. Ademais de persoas da zona como Nelson, tamén expuxeron a súa experiencia fronte a minaría invitadas como Maria do Carmo Mendes, que chegou da Serra de Argamela, tamén afectada inminentemente pola minaría.
Pola sua parte, ContraMINAcción levou unha mensaxe de unión e de intercambio de información e solidariedade fronte a ameaza de destrución que a minaría supón para cada vez máis comunidades. Marga Prieto explicou as particularidades da oposición á minaría en Galiza, e deu información sobre os proxectos mineiros na comunidade; Nela Abella expuxo as conclusións acadadas durante o Encontro que se organizou en Febreiro 2019 en Santiago de Compostela xunto a plataformas de todo o estado español e Portugal, e Guadalupe Rodríguez explicou como se conecta ContraMINacción no plano internacional. ContraMINAcción achegou ademais as características da Alianza Europea de Baterías impulsada por Alemania, que explica o fenómeno deste boom mineiro, da man dun colaborador dese país, Klaus Schenk. E tamén compartiu diferentes materiais informativos como un póster sobre impactos da minaría na agricultura, o folleto sobre impactos das actividades extractivas sobre a auga, e o novo libro infantil e xuvenil editado por Coluna San Fins, un dos colectivos da nosa Rede, e titulado “A mina contamina”.
Entre o público, ademais de xente da zona, directamente afectada polo proxecto, estaban numerosas persoas de outras zonas de Portugal, que acudiron para interesarse pola iniciativa, así como representantes de Quercus, o colectivo ecoloxista con máis arraigo en Portugal.
Pero por que “contra” o litio?
A carreira do litio non ten limites. Durante o Encontro en Boticas denunciouse a falta de transparencia e imparcialidade do goberno portugués co respecto á exploración do litio. A súa campaña publicitaria enganosa oculta que a minaría afectará áreas protexidas, áreas clasificadas, e tamén zonas urbanas como a Serra da Argemela, Beira Interior, Montalegre, Serra do Soajo, Barroso, Serra do Alvão, Serra da Gardunha, Serra da Estrela, Reserva Natural da Serra da Malcata, zonas urbanas de Braga e Viseu, etc. Todos estes lugares están a sofrer as consecuencias da especulación económica da industria mineira. A intención e formar unha rede cuxas bases quedaron sentadas tras o encontro da fin de semana.
“Agradecemos muito sinceramente a rede Contraminacción, que patrocinou o Encontro, e que foi um impulso e o exemplo”, dixo Jessica da Cruz, coordinadora da reunión e a visita ao proxecto mineiro.
Participando e impulsando redes
ContraMINAcción está a traballar constantemente para advertir dos perigos da minaría. Despois de percorrer durante case 7 anos gran parte de Galiza levando información sobre o tema a tódolos recantos do territorio, este ano 2019 tivo un rol importante no avance a unha consolidación da rede ibérica de alerta fronte a minaría.
ContraMINAcción naceu como unha rede para advertir do boom mineiro en Galiza. Co paso dos anos consolídase como un espazo de debate sobre os impactos da minaría en Galiza e axudou a impulsar algúns dos procesos de resistencia contra a minaría mais significativos, como a denuncia da chamada Lei de Depredación, unha denominación que xa se fixo popular, pois é así como a recoñecen incluso os propios políticos que a impulsaron como “Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais”.
Nestes anos, contraMINAcción organizou un total de catro Encontros sobre o tema dos impactos da minería, dous a nivel galego, un sobre o territorio español e tamén no plano internacional, xunto a rede Yes to Life No to Mining, da que forma parte.
ContraMINAcción valora moi positivamente o encontro celebrado en Portugal, que serviu, ademais de para informar sobre os riscos derivados do proxecto concreto de Covas de Barroso e da minaría do litio en xeral, para establecer contactos entre os colectivos portugueses, así como entre eles e os da nosa Rede.
Traballar de xeito coordinado é importante, non só pola proximidade física entre Galiza e Portugal, senón tamén pola coincidencia de materiais que están a ser investigados (en Galiza tamén hai varios permisos de investigación de litio solicitados), así como pola lóxica coa que actúan empresas e poderes políticos, moi similar en ambos sitios.