Arquivos da etiqueta: rolda de prensa

Presentación do II Encontro Galego sobre os impactos da Minaría

O II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría afondará en conflitos abertos como o de Erimsa na Terra Chá ou o de Cementos Cosmos en Triacastela

A plataforma ContraMINAcción presentou hoxe, 5 de novembro, en Lugo, o II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrarán nesta mesma cidade o sábado, 8 de novembro. Desta maneira, ContraMINAcción dá continuidade ao primeiro encontro destas características, que se celebrou en Compostela en febreiro de 2013.
As persoas encargadas de presentar os encontros -Xoán Doldán, Marcos Celeiro e Margarida Prieto- coincidiron en sinalar a pertinencia deste evento, habida conta de que hai varios conflitos abertos na Galiza por minas en activo, e unha grande cantidade en forma de proxectos que ameazan o noso territorio e algunha das súas principais actividades económicas, como a agricultura e a gandería. Dende este punto de vista, Marcos Celeiro sinalou que “estes conflitos teñen moito que ver coa actitude da Administración Galega que, nos últimos anos ten facilitado a explotación mineira con mudanzas lexislativas”. Neste senso, cómpre destacar o borrador da Lei do Solo ou Plan de Actividades Extractivas.

Representantes de ContraMINAcción presentaron o evento

Representantes de ContraMINAcción presentaron o evento

A elección de Lugo para celebrar este encontro non é casual, xa que esta provincia ten sido escenario de importantes protestas sociais contra a actividade de empresas mineiras, e vaino seguir sendo por mor dos moitos proxectos extractivos que se queren levar a cabo no futuro. Por iso, no programa do encontro estará centrado en conflitos como o da extracción de cuarzo na Terra Chá pola empresa Erimsa, a actividade de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella (Triacastela), ou a minaría aurífera que, aínda tendo as miradas postas en Corcoesto (A Coruña), ten tamén varios proxectos en terras lucenses.
Para abordar toda esta complexa e variada problemática, ContraMINAcción estruturou o Encontro en catro grandes bloques que comezarán con palestras de expertos e expertas e persoas e colectivos afectados pola minaría, e continuarán con diálogos e debates coas persoas asistentes:
10:00 a 11:30 / Minaría e patrimonio. A problemática da mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.
• Marcos Celeiro, Asociación O Iribio (Triacastela) e
• André Pena Graña, doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC.

 
12:00 a 13:30 / O conflito de Corcoesto e a minaría aurífera en Galiza.
• Paco García, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.
• Guadalupe Rodríguez, Salva a Selva.

16:00 a 17:30 / Minaría e agricultura na Terra Chá.
• Rosa Morán, veciña afectada de Muimenta.
• Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego.
• Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
• Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

 
18:00 a 19:30 / Lexislación mineira e alternativas
• Benedito Álvarez García, profesor de Ensino Secundario e experto en lexislación urbanística.
• Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada e presidente de Véspera de Nada.
O II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría terán lugar no local do Centro Social Madialeva, na rúa Ancares 18 (Lugo).
Dende ContraMINAcción agardamos contar coa vosa presenza para darlle a máxima difusión posible a este Encontro nos medios de comunicación cos que traballades.

Estamos todos e todas no mesmo barco e de todas e todos é a terra que está ameazada.