Hoxe, 10 de xuño de 2018, ContraMINAcción volve ás rúas de Santiago de Compostela para apoiar a nova mobilización masiva contra a minaría en Galiza. O colectivo organizador, a Plataforma contra a mina de Touro, que fai parte da rede, conta con replicar cinco anos despois a gran manifestación masiva de ContraMINAcción no 2013, que aínda resoa.
Se hai algo que caracteriza a nosa rede é a súa presencia activa naqueles lugares onde a veciñanza percibe a minaría coma unha ameaza. De feito, ContraMINAcción é a ‘Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza’ e acompaña a loita das comunidades que como as de Touro e O Pino se opoñen á minaría en calquera punto da nosa xeografía: Corcoesto, Terra Chá, Lousame Triacastela, Frades e Mesía, O Courel ou a Fonsagrada, entre outras.
ContraMINAcción leva 5 anos traballando, dende que a resistencia ao proxecto de Corcoesto facilitara a identificación mutua de diferentes colectivos interesados no tema. Actualmente agrupa a 20 organizacións, que teñen recollido un bo número de éxitos e gran cantidade de saber colectivo en torno ao tema da minería e do extractivismo como modelo económico imposto e ameazante para as comunidades que se opoñen a certos proxectos.
ContraMINAcción organizou a primeira xuntanza informativa sobre o proxecto mineiro San Rafael para a xente afectada, e a partir de aí colaborou coas entregas de alegacións, nos primeiros repartos de folletos na feira de Touro, e informando durante meses por toda Galiza acerca deste grave problema, ata que se formou a “Plataforma Mina Touro O Pino Non”.
“Hoxe son os veciños de Touro-O Pino os que necesitan do noso apoio, mañá haberá sen dúbida novos proxectos. Necesitamos estar previdos, pois as empresas mineiras están a actuar dun modo escuro e sen os controis preceptivos, moitas veces influenciando cambios lexislativos feitos a medida dos seus intereses económicos”, di Marga Prieto Ledo representante do Sindicato Labrego Galego en ContraMINAcción.
Carlos Montero, un dos portavoces da Comisión das minas da Terra Chá sabe ben do que fala, pois unha concesión mineira para a extracción de seixo (cuarzo) afectaba negativamente a más de 5.000ha dos concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza, e a un millar de explotacións agropecuarias nestas zonas de A Terra Chá. “O noso estado de alerta contra o proxecto mineiro comezou en 2006, e con moito traballo conseguimos paralo, pero a ameaza persiste porque as concesións mineiras de Erimsa para a extracción de seixo seguen en vigor para 30 anos prorrogables a 90”, di Montero.
“A ría de Muros e Noia sofre desde hai décadas os efectos da contaminación das minas de San Fins. Apostamos pola vida e a pola ría o ‘non’ a minaría e rotundo”, fala Joam Evans sobre o soado caso da mina de wolframio en Lousame.
Pola súa parte, Paco García da Plataforma pola defensa de Corcoesto, conta como “despois de conseguir paralizar o proxecto de explotación da mina de ouro de Corcoesto e de que se desen por caducados os dereitos mineiros, a loita na zona de Corcoesto céntrase en paralizar dende a raíz os permisos de investigación adicionais solicitados en Corcoesto, Cereo, Valenza e Zas. A idea é evitar calquera megamina futura a ceo aberto, mantendo viva a mobilización social”.
Para isto, Nela Abella de Verdegaia explica que “ContraMINacción segue a loitar polo acceso a información, que é un dereito. A administración agocha a información relevante relativa aos proxectos mineiros de maneira sistemática. Dificulta a participación dos colectivos e persoas afectadas nos procesos. Esta cuestión é central no labor de contraMINAcción, que traballa para revertela.”
Eduardo Quintás, gandeiro afectado polo proxecto mineiro de Touro conta os motivos polos que se opón á mina frontalmente: “déixanos sen base territorial ás granxas da zona. Dous depósitos de lodos tóxicos e augas acedas con materiais perigosos para as persoas e a fauna acuática rodearán a aldea, o que significaría a nosa desaparición.”
“Ninguén no seu san xuízo pode estar de acordo con estas desfeitas”, comenta Baldomero Iglesias de Xanceda, onde tamén se está a extraer seixo, mais referíndose a Touro.
Desde Véspera de Nada, o profesor de Economía Xoan Doldán lémbranos que “o desembarco mineiro na Galiza responde ás necesidades dunha economía baseada no crecemento continuo da produción e o consumo. Nesta lóxica, as empresas transnacionais procuran maximizar os seus beneficios espoliando os recursos naturais, polo que non dubidan en sacrificar as comunidades locais de calquera lugar do mundo, poñendo en perigo a súa saúde e os seus medios de vida, e degradando os ecosistemas. Contra esta dinámica perversa, cómpre manterse firme e facer unha fronte común que impida que estes proxectos saian adiante”.
Hoxe 10 de Xuño 2018, en Santiago de Compostela, ContraMINAcción vai berrar
“GALIZA NON É UNHA MINA – DEFENDE A TERRA DEFENDE A VIDA”, “NON QUEREMOS UNHA HERDANZA ENVELENADA” “MINA TOURO O PINO NON!”