Ante a solicitude da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro a Universidade de Vigo (UVigo) acordou, no consello de Goberno do 21 de febreiro de 2013, apoiar as propostas seguintes:
-
Rexeitar o proxecto de Parque Eólico do Galiñeiro
-
Opoñerse á concesión dun permiso de investigación mineira na busca de terras raras na vertente oriental da Serra do Galiñeiro,
-
Instar á Xunta de Galicia a que declare a Serra do Galiñeiro como espazo protexido.
Porén. ao longo do ano as ameazas que penden sobre a Serra agraváronse:
-
O proxecto de parque eólico recibiu o apoio expreso do Partido Popular no Parlamento.
-
A Consellería de Industria sacou a concurso un gran número de dereitos minerios que pon á disposición das empresas a práctica totalidade da Serra.
-
As alegacións presentadas á ampliación da Rede Natura 2000, con dúas alegacións específicas demandando a inclusión na Rede das Serras da Groba e do Galiñeiro non foron respondidas.
-
A Xunta de Galicia anunciou a súa negativa a declarar a Serra do Galiñeiro como Parque Natural.
Dada a situación, o 20 de setembro a nosa Plataforma enviou unha carta a Universidade de Vigo solicitándolle, entre outras iniciativas:
-
Que a UVigo reclamase da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a protección real da serra do Galiñeiro, materializada nunha figura de protección efectiva e, concretamente, na de Parque Natural.
-
Que a UVigo se pronunciase en contra dos permisos de investigación mineira que a Consellaría de Economía e Industria promove na serra do Galiñeiro e que ameazan o propio Campus Universitario.
-
Que a UVigo iniciase un debate universitario e/ou interuniversitario e plurudisciplinar sobre as consecuencias da minaría (ambientais, xeolóxicas, sanitarias, económicas, culturais, etc.) equilibrando con rigor científico e sensibilidade social todos os sentires e disciplinas nas que o impacto mineiro ten incidencia.
A resposta da Universidade de Vigo deixa ben claro o seguinte:
-
A UVigo considera adecuado liderar unha petición institucional para instar a integración da Serra do Galiñeiro en redes nacionais ou internacionais de espazos protexidos. En particular, encomendará á súa Oficina de Medio Ambiente a realización do estudo científico preciso para instar ao Órgano competente da Xunta a que inicie o procedemento de declaración da Serra como Parque Natural. Estudo para o que solicita a colaboración da Plataforma.
-
A UVigo interesará a nulidade do permiso de investigación e calquera outra concesión de dereitos mineiros sobre os terreos dos que é propietaria, para defender os usos públicos aos que estes terreos están destinados.
-
A terceira petición desborda o acordado no consello de Goberno, pero a UVigo, partindo do pleno respecto á liberdade de cátedra, trasladará aos seus centros e departamentos, o interese público dun debate científico pluridisciplinar sobre as consecuencias da minería e as posibilidades de realizar unha xestión mineira sostible.
A Plataforma, en resposta á solicitude expresa da Universidade, tomou contacto coa súa Oficina de Medio Ambiente para ofrecer a súa cooperación na realización do estudo científico citado, compartindo información sobre os valores naturais, sociais e culturais da Serra e a súa conservación.