A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución de denegación da aprobación do proxecto de explotación para as concesións “Emilita”, “Ciudad de Landró” e “Ciudad del Masma”, coñecidas como Grupo Mineiro de Corcoesto.
Desde ContraMINAcción queremos dar os parabéns (e as grazas) a tódalas persoas e colectivos que durante estes dous anos fixeron súa a loita contra este proxecto mineiro, contribuíndo así a lograr esta enorme vitoria.
Esta resolución mostra algo moi importante para os colectivos que conformamos esta Rede: que a loita solidaria e colectiva dá froitos. A nosa forza conxunta está por riba dos intereses espurios das multinacionais que, contando coa conivencia dos nosos representantes políticos, querían facerse co territorio preservado durante xeracións para a súa destrución a cambio dunhas onzas de ouro.
Conseguiuse, coa loita colectiva, rachar o bloqueo dos medios de desinformación oficiais, e facer visible o despropósito deste plano mineiro.
Conseguiuse, tamén, divulgar a verdadeira índole deste proxecto entre a poboación local e de toda Galiza, e, deste xeito, o posicionamento de cada vez máis xente consciente en contra do mesmo.
Esta vitoria non é un punto e final, senón un punto e seguido. Supón un exemplo para os demais colectivos da Rede, porque leva consigo unha mensaxe: si que se pode.
Coa bandeira da Plataforma de Corcoesto e Bergantiños ondeando con máis forza que nunca, os colectivos de ContraMINAcción berramos forte: A LOITA CONTINÚA!
Pincha aquí para ver a resolución.